A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 19 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu ao mediodía de hoxe no salón de plenos.
Licenzas (5). Acordou conceder as licenzas de obras para 3 proxectos de cambio de uso de locais para vivendas. Concretamente, dun local para 2 vivendas nun edificio da avenida de Bos Aires, de 2 locais para 3 vivendas na rúa Ramón Puga e dun local para vivenda nun baixo da rúa San Paio. Tamén autorizou unha reorganización de parcelas no lugar de Barrio e desestimou un recurso de reposición e declarou a caducidade dunha licenza de obra na rúa Lepanto.
Avogacía consistorial (14). Deu conta de 12 sentenzas ditadas polos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo de Ourense (7 da praza número 1 e 5 da número 2), e dunha providencia do Tribunal Supremo. Ademais, o Concello deberá comparecer diante do tribunal de instancia da praza número 2 de Ourense nun procedemento ordinario.
—

