- O deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos participou este xoves na presentación desta cita que organiza Special Olympics Galicia para este sábado no Pazo Provincial dos Deportes
- Os participantes pertencen a 13 entidades sociais de Galicia, que estarán acompañados por 35 adestradores e 46 persoas voluntarias, persoal dos servizos de emerxencia e membros da organización
O deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé Marías Arias Fernández, participou este xoves no Centro de Novas Tecnoloxías de Lugo na presentación dos 30º Xogos Autonómicos de Baloncesto que organiza Special Olympics Galicia para este sábado 17 de outubro no Pazo dos Deportes de Lugo. A cita, coa que colabora a Deputación, reunirá a 151 deportistas con discapacidade intelectual procedentes de 13 entidades sociais de toda Galicia. Ao mesmo tempo, estarán acompañados por 35 adestradores e o apoio de 46 persoas entre voluntarios, árbitros, persoal dos servizos de emerxencia e membros da organización.
No acto, o deputado provincial, que estivo acompañado polo presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez, entre outras autoridades; recalcou que “ás veces falamos de inclusión como un termo moi amplo, pero a inclusión tamén se constrúe con cousas tan cotiás coma esta: poder practicar un deporte, competir, coñecer outras persoas e ter as mesmas oportunidades á hora de participar”.
Na cita, que tamén está promovida pola asociación local San Vicente de Paúl, participarán colectivos como Asfaval do Barco de Valdeorras de Ourense, Apader de Cedeira da Coruña, Prodeme de Monforte de Lemos ou Aspnais de Lugo, entre outras entidades.
Cinco niveis de competición adaptados ás capacidades dos participantes
Os equipos estarán formados por cinco xogadores e poderán contar con ata tres suplentes, cun máximo de oito deportistas por equipo. A competición, que arrincará ás 10:45 horas co acto de inauguración, contará con cinco niveis adaptados ás capacidades dos deportistas:
- Nivel I para participantes cun dominio alto das regras, a técnica individual e o xogo en equipo.
- Nivel II, intermedio, para xogadores cun coñecemento das regras e unha técnica de nivel medio.
- Nivel III, inicial, para deportistas con menor dominio do xogo, que tamén realizarán probas individuais de condución do balón e lanzamento desde o perímetro.
- Nivel IV probas adaptadas I e o Nivel V probas adaptadas II que incluirán exercicios de tiro estático, bote dinámico, pase e recepción.

