– O Deputado visitou con Jordi Hereu o resultado da rehabilitación integral da Casa Consistorial e as melloras de adecuación na Torre dos Andrade; ademais aproveitaron para coñecer a planta de Entrepinares, un referente no sector lácteo galego
– “Lugo necesita seguir captando fondos que reforcen a súa competitividade”, apuntou Fernández, “esta visita reúne tres exemplos de futuro: administración máis eficiente, empresa xeradora de emprego e patrimonio convertido en recurso turístico”
O Deputado Miguel Fernández acompañou este martes ao Ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, durante a visita institucional que realizou a Vilalba para coñecer diferentes actuacións de modernización, rehabilitación patrimonial e impulso industrial financiadas con fondos europeos. Na xornada tamén participaron representantes doutras administracións e responsables do tecido empresarial e turístico do municipio.
Fernández destacou “a importancia da colaboración entre administracións para facer realidade proxectos que melloran os servizos públicos, fortalecen o tecido produtivo e contribúen a aproveitar o enorme potencial turístico e patrimonial da nosa provincia”.
A xornada comezou na Casa Consistorial de Vilalba, onde acompañados pola Alcaldesa, Marta Rouco, coñeceron o resultado da rehabilitación integral do edificio. Unha obra financiada a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), con fondos europeos Next Generation. A actuación permitiu modernizar as instalacións municipais, mellorar a súa eficiencia enerxética e reforzar a accesibilidade e a calidade dos servizos que presta á cidadanía.
Posteriormente, a comitiva desprazouse á planta de Entrepinares, onde foi recibida polo director xeral da compañía, José Manuel García. Alí coñeceron de primeira man a actividade dunha das industrias agroalimentarias de referencia da provincia, exemplo da capacidade do sector para xerar emprego, crear valor engadido á produción láctea e contribuír ao desenvolvemento económico do rural lucense.
A visita concluíu no Parador de Vilalba, onde o director do establecemento, Antonio Graña Vázquez, guiou o percorrido polas instalacións e pola histórica Torre dos Andrade, Ben de Interese Cultural que foi obxecto de actuacións de conservación e posta en valor financiadas con fondos europeos. Miguel Fernández subliñou a importancia de seguir investindo na protección e promoción do patrimonio como un recurso estratéxico para dinamizar o turismo e a economía local.
O Deputado incidiu en que “Vilalba representa hoxe tres exemplos de futuro: unha administración máis eficiente, moderna e sostible, unha industria forte que crea emprego e un patrimonio histórico que reforza a oferta turística da provincia”. Nese sentido asegurou que “Lugo necesita seguir captando fondos que reforcen a súa competitividade”.
Entre outras autoridades, participaron tamén na xornada o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o senador por Lugo, César Mogo; a deputada no Congreso e portavoz da Comisión de Industria, Patricia Otero; e os deputados autonómicos Lara Méndez e José Ramón Gómez Besteiro.

