O voceiro do BNG alerta de que o goberno provincial do PP está a facer investimentos sen ter en conta os criterios dos dous concellos
O grupo provincial do BNG, a través do seu voceiro César Mosquera, vén de criticar que a vicepresidenta da Deputación de Vigo Luisa Sánchez e o vicepresidente pontevedrés Rafael Domínguez queren “exercer de alcaldesas e alcaldes a conta dos fondos da Deputación” sen ter en conta os criterios dos respectivos concellos ao destinar recursos en temas “non queridos”, “á contra” ou de forma “paralela” aos elixidos polos gobernos locais.
O nacionalista fixo esta afirmación durante o Pleno de hoxe na Deputación ao referirse á modificación de crédito aprobada polo PP, na que se incluíron 4,6 millóns de euros das arcas provinciais para a compra do Teatro Cine Fraga en Vigo, entre outras actuacións.
Mosquera subliñou que hai preocupación entre os concellos pequenos e medianos porque a Deputación está a meter moitos cartos en Pontevedra e en Vigo. Destacou que estes investimentos non se están a facer a través dos concellos de maneira negociada como acontecía durante os últimos mandatos -respectando a autonomía local-, senón que destacou que “dá a sensación de que a vicepresidenta e o vicepresidente queren exercer en certo modo de alcaldesas e alcaldes a conta da Deputación” ao actuar de maneira independente.
O nacionalista lembrou que a dinámica de destinar recursos a obxectivos non consensuados cos gobernos locais por parte da Deputación xa se viviu no seu momento en Pontevedra co estadio de fútbol de Pasarón e o Sexto Edificio do Museo (o actual Edificio Castelao). Lembrou que inicialmente ambos ían custar 9 millóns de euros “deixando ao Concello fóra porque así parece que ían lucir máis e resulta que ao final –a operación- se foi a máis de 30 millóns e tiveron que rematar pedindo papas e pedindo ao Concello a súa colaboración”.
Mosquera indicou que o presidente Louzán aprendeu a lección e non volveu a meterse “neste tipo de actuacións”. Subliñou que o feito de que agora a Deputación se involucre na compra do Cine Fraga en Vigo, ademais, é volver levar á institución provincial “as guerras e disputas de Vigo, outro erro que van ter que resolver dalgunha maneira”.
Para “completar o panorama”, criticou Mosquera, non foi a Deputación a que anunciou a compra do cine, senón que “é o señor Rueda” e a Xunta de Galicia. Cuestionou que o montante total da operación “non se sabe a canto vai ir”, porque serán 4,6 millóns de euros agora, máis a rehabilitación e “telo aberto e funcionando, que probablemente pase dun millón ao ano”, dixo.
“Esta Deputación está a comprometer moitos millóns de euros para algo que, repito, nin o propio Concello o quere na forma na que está deseñado”, fixo fincapé. “Esas actuacións foron fonte de problemas no pasado e serano no futuro. Facer actuacións en paralelo ou contra o criterio do Concello é algo que non dá bos resultados. Non o deu nunca e dubido que o dea neste caso”, finalizou.
Moción
Pola súa banda, a deputada do BNG Manuela Rodríguez, defendeu a moción do BNG para instar á constitución dun consorcio público-privado que permita a adquisición da propiedade ou a cesión de uso do Teatro Cine Fraga en Vigo sen custo para as arcas públicas.
A nacionalista subliñou que, a pesares do acto público realizado nos últimos días, a recompra do inmoble a Abanca non está efectivizada “xa que só houbo un ‘paripé’” de cara á galería. Instou ao goberno provincial a reconsiderar a operación porque “non hai nada escrito” e evitar así dilapidar cartos públicos e repagar por un edificio que xa foi financiado con diñeiro público co rescate da antiga caixa. “Así eses cartos poderanse destinar a outros menesteres como o Plan de Mellora de Vías provinciais que foi tan recurtado no último orzamento”, dixo.
Segundo a deputada Manuela Rodríguez Pumar, Vigo é –entre cidades semellantes no estado español-, a única que non conta con ningún teatro público, alén da existencia de diferentes auditorios, “o que impide atender as necesidades e o desenvolvemento do vizoso tecido cultural” a pesares do seu enorme potencial nas artes escénicas, xa que conta coa Escola Galega de Arte Dramática de Galicia (ESADG).
A nacionalista subliña que até a actualidade nin Xunta de Galiza, nin Deputación de Pontevedra, nin tampouco o Concello de Vigo despregaron medidas e políticas efectivas para atender esas necesidades e referenciar Vigo no ámbito escénico. Salientou que a recuperación do Cine Fraga debe realizarse dende a cooperación e non da confrontación. “A mellor fórmula é a colaborativa, sempre tendo o punto de vista da adquisición de balde e a necesaria cooperación co tecido cultural da cidade para dotar de contido”, apuntou.

