Mosquera afea a PP e PSOE a contradición de responsabilizarse mutuamente da crise da vivenda cando ambos contribuíron a encarecela e a restrinxir a construción

Redacción

O voceiro do BNG tacha de “inflaccionistas” as políticas galegas do solo e cuestiona que o goberno central destine arredor de 35.000 millóns de euros a Defensa este exercicio mentres apenas 7.000 millóns ao Plan Estatal de Vivenda para cinco anos

O voceiro do BNG na Deputación de Pontevedra César Mosquera afeou hoxe a PP e PSOE a contradición de responsabilizarse mutuamente da crise da vivenda cando ambos contribuíron a encarecela e restrinxir a construción.

O nacionalista realizou o reproche a ámbolos dous grupos no debate sobre a vivenda do Pleno provincial pola presentación de sendas mocións de ambas formacións, e comparou os seus reproches cruzados co refrán tradicional de “díxolle o caldeiro ao pote”.

O representante nacionalista considerou que resulta pouco coherente que os dous partidos se presenten agora como preocupados por unha situación que cualificou de insostible, cando as súas respectivas políticas contribuíron a agravar as dificultades de acceso á vivenda. O voceiro sinalou que a única saída estrutural ante a histórica falta de vivenda pasa por construír máis, aínda que recoñeceu que os procesos de construción son extremadamente lentos. Neste sentido, advertiu de que non se pode confundir edificar con especular.

Mosquera lembrou que a competencia exclusiva en materia de vivenda corresponde ás comunidades autónomas e apuntou directamente á Lei do Solo de Galiza, que cualificou de claramente “inflacionaria”, ao considerar que restrinxe a capacidade de construír e provoca un encarecemento tanto do solo como dos propios custos de edificación. Salientou tamén o complexo entramado de informes sectoriais necesarios da administración galega para desenvolver os PXOM, que bloquea a saída ao mercado do solo nos concellos. Lembrou que, cando se levaron propostas ao Parlamento galego para abordar estas problemáticas, tanto o PP como o PSOE votaron en contra.
Mosquera tamén cuestionou a proliferación de organismos e estruturas administrativas arredor das políticas de vivenda. «Cantos organismos de vivenda necesitamos?», preguntou, citando a Sareb, Casa 47, os organismos propios da Xunta e os que existen nos concellos. Neste sentido, rexeitou que a Deputación de Pontevedra se sume a esa dinámica creando un novo ente provincial. O voceiro nacionalista defendeu que debe ser a Xunta de Galiza quen centralice e lidere as políticas de vivenda, xa que conta coas competencias exclusivas dispón dunha estrutura técnica e administrativa preparada para facelo.

O representante do BNG tamén puxo o foco no esforzo financeiro que está a realizar o Estado para afrontar a crise habitacional e cuestionou as prioridades do goberno central. Mosquera lembrou que o Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 está dotado con 7.000 millóns de euros para todo o período de cinco anos, mentres que a estimación do gasto español en Defensa para este 2026 rolda os 35.000 millóns de euros. “Está o esforzo do Estado á altura?”, preguntou, cuestionando que se priorice e incremente o gasto militar mentres non se realiza un esforzo de dimensión comparable para atender necesidades básicas como o acceso á vivenda e outros servizos públicos esenciais.

Folga 11N

Pola súa banda, a deputada do BNG Manuela Rodríguez defendeu no Pleno a convocatoria da folga xeral do vindeiro 11 de novembro, ao considerar que sobran os motivos para mobilizarse fronte á carestía da vida e á crise da vivenda. Rodríguez subliñou que a realidade galega non se pode reducir a un problema conxuntural do Estado, senón que responde a un modelo de dependencia e espolio que fai que, malia a riqueza en recursos naturais e enerxéticos do país, Galiza soporte salarios e pensións máis baixos, mentres exporta fóra o valor engadido da súa produción.

Denunciou que os fogares e as empresas galegas pagan a enerxía a prezos elevados malia producila, que os sectores produtivos padecen o incremento dos custos mentres reciben prezos insuficientes pola súa actividade e que a dispersión poboacional e as peaxes encarecen aínda máis a vida diaria. A deputada incidiu en que esta fenda social non é inevitable, senón consecuencia de decisións políticas, e reclamou un financiamento que teña en conta o custo real dos servizos públicos nun país como o galego disperso e envellecido.

Rodríguez chamou a centrar o debate nas condicións de vida da maioría social e denunciou que, mentres soben os prezos do alugueiro e da cesta da compra, as grandes empresas enerxéticas, a banca e as inmobiliarias acumulan beneficios históricos. Fronte a esta situación, reclamou responsabilidades á Xunta pola súa pasividade ante a crise da vivenda e defendeu que os recursos públicos deben estar ao servizo das persoas, non do mercado especulativo. Por todo isto, subliñou, será necesaria a folga do vindeiro 11N.

Mellora das achegas a Pontevedra

Finalmente, o voceiro do BNG, César Mosquera, explicou tamén o voto favorable do Bloque á modificación de crédito presentada polo goberno provincial no Pleno porque inclúe actuacións que melloran a achega da Deputación ao Concello de Pontevedra.

Mosquera lembrou que durante os tres anos anteriores o PP negou reiteradamente incrementar os fondos destinados á cidade do Lérez, polo que valorou que a modificación aprobada hoxe permita corrixir lixeiramente esa situación ao incorporar recursos para a reforma do estadio de Pasarón.

O representante nacionalista engadiu que o BNG aplaude as actuacións necesarias para mellorar o pavillón da Deputación en Príncipe Felipe ou a oficina de turismo do Palacete dos Mendoza, aínda que puntualizou que son equipamentos propiedade da institución provincial. “Para nós é unha satisfacción o voto a favor. Alégranos que se aproben estas actuación”, concluíu.

Comparte este artigo