Este xoves 4 de xaneiro proxectarase ‘Meigallos’ e o venres 5 ‘Valentina’, ambos no auditorio do Edificio Castelao ás 18:00 horas
O ciclo de cinema galego de animación dirixido a público infantil e familiar que o Museo programou para este Nadal remata esta semana coas dúas últimas proxeccións: o xoves 4 poderase ver ‘Meigallos’ e o venres 5 será a quenda de ‘Valentina’. As proxeccións terán lugar no auditorio do Edificio Castelao ás 18:00 horas. O acceso é con reserva previa en reservas.museo@depo.gal, cun máximo de catro prazas por reserva.
O xoves proxéctase ‘Meigallos’, un filme galego de animación do ano 2015 dirixido por Virginia Curiá. A protagonista desta historia é a pequena Malva, unha nena obsesionada cos aparellos tecnolóxicos que se ve envolta nunha aventura cargada de suspense e diversión cando a súa avoa ‘curandeira’ é secuestrada. Malva terá que enfrontarse aos que queren roubar as fórmulas tradicionais da súa avoa para vender cosméticos.
O venres o ciclo remata coa proxección de ‘Valentina’, filme de 2021 dirixido por Chelo Loureiro. Valentina soña con ser trapecista e cre que por ser Down non poderá conseguilo, pero a súa avoa, compañeira de xogos, aprendizaxes e cancións, asegúralle que, se as eirugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. O filme obtivo o Premio Goya a mellor película de animación, ademais de obter o mesmo recoñecemento nos Premios Platino do Cine Iberoamericano.
Última semana da programación de Nadal
A programación de Nadal no Museo remata esta semana, na que teñen lugar as últimas sesións do obradoiro ‘Ilustrando un pasado mítico’, dirixido a nenas e nenos de 6 a 10 anos e xa coas prazas completas. Neste obradoiro, os participantes coñecen a figura de Teucro, fundador mítico da cidade, que é tamén un dos protagonistas de ‘Mar e a pantasma das treboadas’. Trátase dun libro para público infantil escrito por Clara do Roxo e editado polo Museo de Pontevedra. Precisamente as ilustracións orixinais deste libro, das que é autor Xavier Magalhães, exhíbense no claustro do Edificio Sarmiento ata este domingo, 7 de xaneiro.

