O Concello acorda ampliar a todo o ano o mantemento intensivo nos cinco cemiterios municipais

adminON
Lectura mínima de 3

Ademais dun especial esmero nos espazos comúns, a concelleira Anabel Gulías e o equipo de cemiterios  acordaron actuar sobre as cubertas dos columbarios construídos polo Concello para retirar herbas que  foron crecendo co paso do tempo e que causaban filtracións nos nichos e problemas nas estruturas. 

A concelleira responsable do departamento de Cemiterios, Anabel Gulías, vén de modificar a programación  de mantemento dos camposantos municipais. Apoiada no administrador e nos traballadores dos cemiterios  municipais, acordou ampliar os zafarranchos de mantemento dos camposantos a todo o ano, e non  soamente ao mes anterior á festividade de Todos os santos.  

O mantemento de todos os espazos públicos é unha das liñas políticas priorizadas polo alcalde Miguel Anxo  Fernández Lores neste mandato. Está no seu propósito que, pouco a pouco pero sen pausa, todos os lugares  e espazos de encontro veciñal se atopen en perfecto estado de uso, especialmente no caso dos  camposantos municipais.  

Con esta premisa, este programa de mantemento comezou nestas semanas e continuará ao longo dos  vindeiros tres anos, cemiterio a cemiterio, actuando máis profundamente non só nas zonas comúns como se  ten feito até o de agora, senón incidindo nas concesións, especialmente nas cubertas dos columbarios  construídos polo Concello, que a aparición de herbas provocan filtracións de auga aos nichos e danos nas  estruturas.  

Nestes primeiros meses do ano realizáronse traballos de xardinería, limpeza de rúas con auga a presión,  retirada de lápidas e elementos abandonados, así como calquera outro traballo derivado do mantemento  xeral das instalacións dos cemiterios municipais: San Amaro, Bora, Campañó, Lourizán e Ponte Sampaio.  

As limpezas sobre as cubertas dos columbarios comezaron polos cemiterios de Bora e de San Amaro. O  equipo de cemiterios retirou baldosas soltas que tiñan risco de caída e producir danos aos visitantes, limpou  canos de desaugue, retirou herbas das cubertas (incluso algunha sebe cun tronco de até 30 cm) que foron  crecendo co paso do tempo e que provocaban que se filtrase auga ao interior dos nichos.  

A concelleira Anabel Gulías desprazouse estes días ao cemiterio de San Amaro para comprobar os traballos  destes zafarranchos e limpezas de cubertas no cemiterio de San Amaro. Felicitou aos traballadores  

municipais polo excelente labor que realizaron e polo cariño co que tratan estes espazos tan sentidos para os  pontevedreses e pontevedresas.

Comparte este artigo