O Goberno provincial presenta dúas modificacións de crédito que elevan os recursos destinados neste mandato ás entidades locais á histórica cifra de 102,5 millóns de euros

Redacción
Lectura mínima de 6

Ambos expedientes, que serán presentados o próximo mércores á Comisión de Contas, Facenda e Recursos Humanos, permitirán distribuír máis de 20,2 M€ con cargo ao remanente de tesourería do pasado ano

O primeiro dos documentos refírese a cooperación cos concellos, destinando máis de 12,8 M€ que permitirán financiar preto de 300 actuacións municipais. As mancomunidades da recibirán algo máis de 1M€

Polo que respecta a colaboración con entidades, o expediente propón destinar máis de 7,2 M€ para financiar preto de 270 actividades

Con estes dous documentos, o Goberno de Luis Menor mobiliza nesta primeira metade do ano 48,1 M€ en tres modificacións de crédito, a primeira en marzo pasado (27,8 M€) para reforzar o labor ordinario das distintas áreas e servizos da Deputación

A Deputación de Ourense alcanzará a cifra histórica de 102,5 millóns de euros de financiamento directo ás entidades locais, cunha nova achega para cooperación con concellos e mancomunidades que supera os 13,8 millóns.

Estes novos recursos forman parte de dúas modificacións de crédito que o Goberno provincial presidido por Luis Menor presentará o próximo mércores á Comisión de Contas, Facenda e Recursos Humanos. En total, con estes expedientes prevese mobilizar máis de 20,2 M€ millóns de euros (20.228.151,9) con cargo ao remanente de tesourería do pasado ano.

O primeiro dos documentos refírese a cooperación coas entidades locais menores de 20.000 habitantes, é dicir, todos os concellos da provincia agás a capital. Para esta modificación de crédito destínanse máis de 12,8 M€ (12.871.242), que permitirán financiar preto de 300 actuacións municipais.

Na súa meirande parte, estas intervencións refírense á mellora de servizos públicos básicos como saneamento e abastecemento, humanización de rúas ou arranxo de camiños rurais, ademais de eficiencia enerxética e actividades culturais ou recreativas. Neste punto cómpre subliñar que na relación de proxectos propostos polos alcaldes figuran tamén obras de reparación de infraestruturas locais danadas polos incendios forestais do pasado verán e polos temporais deste inverno.

Na repartición destes recursos destacan os 750.000 euros que a Deputación destinará para cumprir cos compromisos adquiridos no cofinanciamento da construción ou reforma de residencias para maiores ou centros de día, en colaboración coa Xunta de Galicia, nos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Xunqueira de Ambía. Recóllense tamén 300.000 euros máis para o acondicionamento da contorna de centros de maiores en Padrenda e Piñor.

O capítulo de infraestruturas deportivas supera os 1,4 M€ (1.473.647,83) para actuacións nos campos de fútbol de seis concellos, así como tamén para a ampliación do polideportivo de Barbadás (412.417,53) e a construción das instalacións de Vilamarín (200.000).

Cómpre citar tamén os 250.000 euros en axudas para os concellos con conservatorios de música, distribuíndose de igual modo (50.000 €) entre O Barco de Valdeorras; O Carballiño; Ribadavia; Verín; e Xinzo de Limia.

O expediente recolle ademais as achegas dirixidas aos concellos nos que se sitúan as bases dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES): Avión; O Barco; Castro Caldelas; A Gudiña; Laza; Lobios; Maceda; Muíños; Pereiro de Aguiar, Ribadavia e A Veiga. Cada un destes concellos recibirá unha axuda de 40.000 euros, á que se suma a mesma cantidade para o servizo da mancomunidade Terra de Celanova, reflectida na modificación de crédito para entidades.

Tamén no ámbito das emerxencias, Laza recibirá outros 100.000 euros para a primeira fase da base de Protección Civil, e a Asociación provincial de Agrupacións de Voluntarios deste corpo tamén contará con axuda para as súas actividades.

Colaboración con entidades

Polo que respecta a colaboración con entidades, o Goberno provincial presenta un segundo expediente no que propón destinar máis de 7,2 M€ (7.249.909,1) para financiar preto de 270 actividades, dando cobertura deste xeito ás diferentes demandas formuladas polos representantes de colectivos dos máis diversos ámbitos, entre eles o empresarial, social, medio rural e medio ambiente, mobilidade sostible, cultura, deporte, eventos musicais e gastronómicos recoñecidos e actividades de lecer.

Neste segundo documento figura algo máis de 1M€ para colaboración coas mancomunidades de municipios da provincia: Ourense, Ribeiro, O Carballiño, Conso-Frieiras, Terra de Celanova, Santa Águeda, Verín e a mancomunidade turística Terras do Avia.

Destaca neste apartado a achega de 500.000 euros á mancomunidade de Verín para cofinanciar o Plan de Actuación Integrado “Futuro Verde do Alto Támega”, impulsado por concellos das comarcas de Monterrei e Conso Frieiras (Castrelo do Val, Cualedro, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós).

O expediente reflicte así o compromiso do presidente Luis Menor de reforzar a cooperación institucional cos promotores deste PAI, co obxectivo de colaborar na presentación de proxectos sólidos que aproveiten as oportunidades de financiación europea vinculadas ao desenvolvemento urbano sostible, tal e como se está a facer desde a propia Deputación nos casos dos PAI de Valdeorras e Ourense Sur.

48,1 M€ mobilizados na primeira metade do ano

Con estes dous documentos, o Goberno de Luis Menor mobiliza nesta primeira metade do ano 48,1 millóns de euros en tres modificacións de crédito, a primeira en marzo pasado (27,8 M€) para reforzar o labor ordinario das distintas áreas e servizos da Deputación, impulsando así actividades relacionadas con infraestruturas viarias, medio ambiente, programas sociais, cultura e deporte, así como na promoción turística e económica do territorio.

Comparte este artigo