Este proxecto, en colaboración Área de Antropoloxía Social da Universidade de Vigo-Campus de Ourense e o Museo do Pobo Galego, desenvolverase ata o 21 de maio en dúas xornadas técnicas e catro actividades distribuídas por distintos puntos da provincia
O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, participou hoxe na inauguración das xornadas “Cada vimbio conta: coñecernos para conectarnos”, no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Trátase dun programa posto en marcha pola Deputación de Ourense, a través do CCP Xaquín Lorenzo-Escola de Danza, en colaboración coa Área de Antropoloxía Social da Universidade de Vigo-Campus de Ourense e o Museo do Pobo Galego para impulsar os Espazos Expositivos Etnográficos e Etnolóxicos da provincia de Ourense.
César Fernández asegurou que este proxecto é “a resposta á necesidade de que o noso patrimonio non sexa un conxunto de infraestruturas estáticas, senón ese motor vivo que sexan parte fundamental na dinamización dos nosos territorios”.
Neste sentido, o vicepresidente segundo do goberno provincial puxo en valor a importancia desa parte de “traballo en rede” que contempla este programa porque “queremos convertelos en espazos de diálogo, enchelos de contido e, polo tanto, de vida”.
Trátase dun programa pioneiro que sitúa á provincia de Ourense á vangarda galega na museoloxía etnolóxica e desenvolverase desde hoxe ata o 21 de maio en dúas xornadas técnicas e catro actividades distribuídas por distintos puntos da provincia: Ribadavia, Allariz, San Cristovo de Cea, Quintela de Leirado e A Pobra de Trives.
O obxectivo é facilitar o coñecemento mutuo entre os máis de 70 espazos museísticos identificados na provincia de Ourense para promover dinámicas de colaboración. Estas sesións combinan relatorios de profesionais de referencia, con espazos de traballo participativo entre as persoas responsables e traballadoras dos propios espazos.
O programa pon o acento en dúas ideas fundamentais: coñecerse e escoitarse. Coñecerse para facer visible unha realidade que, a miúdo, permanece fragmentada; escoitarse para comprender as diferentes situacións, contextos e retos aos que se enfrontan os centros. Só a partir deste recoñecemento mutuo é posible mellorar a xestión baseada na colaboración e na confianza.

