HomeDeputaciónsDeputación PontevedraO Teatro principal de Pontevedra acolle oito funcións de cinco espectáculos galegos...

O Teatro principal de Pontevedra acolle oito funcións de cinco espectáculos galegos programadas co apoio da Xunta

- Anuncio -spot_img
  • A actividade do segundo semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios leva á cidade do Lérez as obras ‘Monstros’, ‘As desterradas’, ‘Go Home’, ‘Molto Barroco’ e ‘Ándale! Bon appétit!’durante outubro e novembro
  • Este circuíto, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e 43 entidades locais asociadas, ofrece ao longo do ano 560 actuacións de artes escénicas e musicais en 43 concellos das catro provincias galegas

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá ata finais de novembro parte da programación escénica da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto a través do que a Xunta de Galicia, en colaboración con 43 entidades locais, levará á cidade oito funcións de cinco espectáculos producidos en Galicia. Monstros, As desterradas, Go Home, Molto Barroco e Ándale! Bon appétit! conforman unha carteleira para todos os públicos, con formatos de humor e montaxes nas que participan importantes figuras do teatro galego.

A programación desta rede autonómica no escenario pontevedrés comeza o próximo domingo día 19 cunha dobre función de Monstros (ás 12,00 e 18,30 h.). Producións Teatrais Excéntricas presenta este espectáculo familiar no que, desde o humor, se reflexiona sobre que cousas dan terror. Da man de catro personaxes, o público asistirá a un desfile de criaturas terroríficas para aprender que o atroz está nos ollos de quen mira. María Lado e Lucía Aldao firman esta peza que protagonizan Patricia Vázquez, Rocío González e Víctor Mosqueira.

A mesma compañía presentará o día 23 As desterradas, ás 21,00 horas, Quico Cadaval dirixe o texto de Carme Varela premiado co Álvaro Cunqueiro, que se sitúa nunha comunidade de monxas do século XVI e a súa loita contra a xerarquía eclesiástica e constitúe unha homenaxe, a modo de thriller, á resistencia destas mulleres. Conta cun elenco formado por grandes nomes do teatro galego, como Melania Cruz, Patricia Vázquez, Rebeca Montero, Rocío González, María Costas e Víctor Mosqueira.

Xa en novembro o público pontevedrés poderá ver Go Home, de Etiqueta Negra Producións. O espectáculo, con Josito Porto e David Amor sobre o escenario, chegará ao Teatro Principal o día 6 ás 21,00 horas Este espazo tamén contará o vindeiro mes con propostas para as crianzas e familias, coas montaxes Molto Barroco, de Píscore, o día 9 de novembro ás 12,00 e ás 18,30 horas, e Ándale! Bon appétit!, de Ghazafelhos, o día 16 tamén con dous pases ás mesmas horas.

560 funcións en Galicia

Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M € e programa 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias galegas. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para este ano un orzamento de preto de 1M € destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, co que se constitúe un mercado determinante para a distribución interior dos espectáculos producidos no país.

Nestes momentos, a Axencia Galega das Industrias Culturais mantén aberto o prazo de inscrición de espectáculos e concertos cos que os concellos membros configurarán as súas programacións no vindeiro período semestral de actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios, de xaneiro a xuño de 2026. O trámite pode realizarse ata o 26 de outubro a través da plataforma galescena.gal.

Publicacións Relacionadas