A Deputación presenta Místicos y románticos, un recital único de Amancio Prada en Meira

Redacción
Lectura mínima de 4

– O Deputado de Promoción Económica e Social, xunto ao Alcalde meirego e o músico berciano, presentaron no Pazo de San Marcos este concerto especial que acollerá a igrexa Monasterial de Santa María, o vindeiro 6 de agosto, ás 21:00 horas

-Pablo Rivera destacou que desde a Deputación apoiamos este tipo de iniciativas que aúna música e identidade, “poñendo en valor o noso patrimonio e que contribúen á dinamización social e económica do rural”

– O recital propón unha viaxe musical íntima na que Amancio Prada, coa súa voz e guitarra, interpretará textos de grandes autores da mística e do romanticismo: Santa Teresa de Jesús,  San Juan de la Cruz, Rosalía de Castro e Gustavo Adolfo Bécquer.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o músico berciano Amancio Prada, presentaron este luns no Pazo de San Marcos o concerto Místicos y románticos, un recital único que o recoñecido cantautor ofrecerá o vindeiro 6 de agosto na igrexa Monasterial de Santa da localidade meirega. Pablo Rivera destacou que a Deputación de Lugo, xunto co Concello de Meira e a Cofradía Nosa Señora do Pedregal, fan posible esta iniciativa cultural que “aúna música e identidade, poñendo en valor o patrimonio e contribuíndo á dinamización social e económica do rural”.

O Deputado subliñou tamén a importancia de achegar programación cultural de calidade a toda a provincia, “aproveitando espazos singulares como a Igrexa Monasterial de Santa María de Meira, que reforzan a experiencia artística”. Ao remate da súa intervención, animou a todas as persoas a achegarse a Meira e desfrutar desta cita musical exclusiva, porque “hai momentos que van máis alá do cultural e acaban formando parte da memoria dun lugar”.

Pola súa banda, Amancio Prada agradeceu á Deputación a acollida desta presentación e sinalou que “é un gusto cantar nun lugar como este templo meirego, memoria do tempo e espazo perfecto pola súa carga histórica, que amplificará a emoción das pezas do meu repertorio”.

No acto, tamén estiveron presentes o Alcalde de Meira, Antonio de Dios, o cura parroquial, Miguel Asorey, e varios representantes da Cofradía Nosa Señora do Pedregal.

Un recital entre a mística e o romanticismo

Místicos y románticos propón unha viaxe musical íntima na que Amancio Prada, acompañado unicamente pola súa voz e guitarra, interpreta textos da obra de catro figuras universais da literatura: os místicos Santa Teresa de Jesús e San Juan de la Cruz, e os grandes referentes do romanticismo, Rosalía de Castro e Gustavo Adolfo Bécquer.

O concerto terá lugar o 6 de agosto na Igrexa de Meira, cun único pase ás 21:00 h. O concerto de agosto preséntase como unha das citas culturais máis destacadas do verán na provincia, unindo patrimonio, espiritualidade e excelencia musical. As entradas están dispoñibles en Ataquilla e na oficina de turismo de Meira. Pódense adquirir a través da ligazón: https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/conciertos/761-igrexa-monasterial-de-santa-maria-de-meira/x3akhhpc-amancio-prada-misticos-y-romanticos.

Un referente da canción de autor en España

Amancio Prada (Dehesas, León, 1949) é un dos grandes referentes da canción de autor en España, cunha carreira que supera as cinco décadas. Ao longo da súa traxectoria recibiu recoñecementos como a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2010), a Medalla Castelao (1995) e o Premio da Cultura Galega (2019).

A súa obra combina composicións propias e adaptacións de textos clásicos e contemporáneos, desde cantigas medievais ata poetas como Lorca, Cunqueiro, Juan Ramón Jiménez e Rosalía de Castro. Prada actuou nos principais teatros e festivais nacionais e internacionais, consolidando un legado que combina poesía, música e memoria colectiva.

Comparte este artigo