Miguel Fernández acusa á Xunta e a Candia de incumprir o acordo con Lugo e apostar por un proxecto de mínimos nunha parcela clave para os servizos públicos do Sagrado Corazón e a contorna

Redacción

O portavoz socialista denuncia que o Goberno galego presumiblemente renuncia agora a asumir a totalidade dos terreos do antigo colexio malia o compromiso público adquirido polo conselleiro Caamaño

Fernández advirte de que a Xunta e Candia están desaproveitando a única gran parcela de solo dotacional dun barrio cunha gran proxecciónde crecemento e lle pide que rectifiquen na súa decisión
“O Sagrado Corazón necesita unha escola infantil, un centro sociocultural e un centro de día. Non podemos conformarnos cun proxecto de mínimos cando temos diante unha oportunidade para planificar os servizos das próximas décadas”, apuntou fernández.

“Unha alcaldesa debe defender a cidade, especialmente cando unha administración superior incumpre un compromiso adquirido con ela e coa súa veciñanza. O que estamos vendo é xusto o contrario”, sinalou.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, acusou esta mañá á Xunta de Galicia de incumprir o compromiso adquirido publicamente coa cidade de Lugo ao renunciar a asumir a totalidade dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón e apostar por un proxecto de mínimos nunha parcela que considera estratéxica para planificar os servizos públicos do barrio e do conxunto da cidade.”Pedimoslle que aclaren o seu proxecto para este espazo e que retifiquen de inmediato”, dixo.
Fernández lembrou que o anterior Goberno municipal realizou un importante traballo para facer posible a recuperación dos terreos e poñelos á disposición da Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde. Unha actuación que debía ir máis alá da simple construción dun equipamento sanitario e permitir aproveitar a parcela na súa integridade para responder ás necesidades sociais e asistenciais presentes e futuras da zona. “ A deia é sinxela: facer neste espazo o mesmo que se fixo na parcela do antigo hospital no barrio da Residencia, redimensionar os servizos públicos para o presente e o futuro”, explicou o alcalde ata a moción de censura.
Neste sentido, Fernández lembrou a reunión mantida en maio de 2025 co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na que a Xunta trasladou publicamente a súa disposición a asumir a titularidade do conxunto da parcela e parte do custo das demolicións. Un compromiso que foi comunicado pola propia Administración autonómica e que, segundo Fernández, xerou unhas expectativas lexítimas entre os veciños e veciñas do Sagrado Corazón e de toda a contorna.
Miguel Fernández reclamou finalmente á Xunta que cumpra a súa palabra e ao Goberno de Candia que deixe de actuar como subordinado do Executivo autonómico e defenda os intereses da cidade. “Lugo non pode aceptar proxectos de mínimos cando ten diante unha oportunidade de ouro para planificar os seus servizos públicos. O Sagrado Corazón necesita un centro de saúde polo que tanto loitamos, pero precisa tamén unha escola infantil, un centro sociocultural, un centro de día e todos aqueles equipamentos que vaian ser necesarios para acompañar o crecemento do barrio. A Xunta debe cumprir o que comprometeu e Candia debe defender Lugo, non ser cómplice da súa renuncia”, afirmou.
“Non estamos falando dunha promesa informal nin dunha interpretación do anterior Goberno. Foi un compromiso público da Xunta. Por iso é especialmente grave que agora o Goberno galego dea un paso atrás e decida limitar a súa actuación á superficie imprescindible para o centro de saúde. Máis cando foi un compromiso adquirido por Candia e Javier Arias ante a veciñanza do barrio”, afirmou.
Para Miguel Fernández, esta decisión supón renunciar a unha oportunidade excepcional para planificar os servizos públicos dun barrio que presenta unha realidade demográfica moi particular. “O Sagrado Corazón ten unha poboación actualmente moi envellecida, con necesidades evidentes de atención social e asistencial, pero ao mesmo tempo é unha das zonas da cidade con maior capacidade de crecemento residencial. Precisamente por iso precisamos anticiparnos e non chegar tarde”, explicou.
O portavoz socialista considera que a parcela do antigo colexio debe contemplarse como un espazo dotacional integral, capaz de acoller diferentes equipamentos de carácter supramunicipal e de proximidade. “O barrio necesita unha escola infantil, necesita un centro sociocultural e necesita un centro de día. E estes equipamentos deben formar parte dunha planificación global, non aparecer como actuacións illadas cando xa non haxa espazo nin capacidade para desenvolvelas”, sinalou.
Fernández defendeu, ademais, que se as edificacións existentes presentan condicións axeitadas para a súa recuperación, debe estudarse a súa rehabilitación antes de optar pola demolición. “Se hai edificios que poden recuperarse, adiante coa recuperación. O que non podemos facer é renunciar a unha parcela única e despois descubrir dentro de dez ou vinte anos que Lugo necesita precisamente os equipamentos que hoxe poderiamos ter planificado”, advertiu.
Neste contexto, o portavoz socialista considera “obvio e moi preocupante” que Elena Candia non estea defendendo os intereses de Lugo diante da Xunta de Galicia. “Unha alcaldesa debe defender a cidade, especialmente cando unha administración superior incumpre un compromiso adquirido con ela e coa súa veciñanza. O que estamos vendo é xusto o contrario: Candia está sendo cómplice dun engano do Goberno autonómico e aceptando sen reclamar unha decisión que prexudica o futuro do barrio”, denunciou.
Fernández considera especialmente grave que, a día de hoxe, nin a Xunta nin o Concello estean trasladando un proxecto claro, estruturado e integral para o conxunto da parcela. “O problema non é só que a Xunta non asuma todos os terreos. O problema é que non coñecemos cal é o proxecto de futuro que teñen para este espazo. Non hai unha planificación global dos equipamentos que Lugo vai necesitar e, mentres tanto, estase perdendo unha oportunidade que probablemente non volvamos ter”, afirmou.
O socialista puxo como exemplo o traballo realizado coa antiga Residencia, onde a recuperación dun espazo público permitiu dimensionar diferentes servizos de carácter supramunicipal pensando nas necesidades futuras. “A nosa idea era exactamente esa: que a Xunta fixese no Sagrado Corazón o mesmo que se fixo na antiga Residencia, dimensionar os servizos públicos de carácter supramunicipal para as próximas décadas. É lamentable ver que non o fará”, concluíu.

Comparte este artigo