O presidente Luis Menor e o monseñor Jesús Fernández mantiveron un encontro de traballo no Pazo Provincial que concluíu co acordo de asinar un convenio para cooperar no mantemento do conxunto patrimonial
Durante a reunión analizaron a posibilidade de colaborar coa conmemoración dos 400 anos da fundación do Santuario das Ermitas, así como nas melloras precisas deste lugar
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández, para abordar temas de interese para ambas institucións centrados fundamentalmente na conservación e mellora do patrimonio histórico-artístico da Diócese de Astorga, na parte que corresponde á provincia de Ourense (comarcas de Trives e Valdeorras).
Esta colaboración -explicou o presidente provincial- materializarase o vindeiro ano coa sinatura dun convenio que recolla “as necesidades e achegas” de cada institución a prol deste obxectivo común de manter “o noso patrimonio e a nosa historia”.
Así mesmo, durante o encontro analizaron a posibilidade de colaborar coa conmemoración dos 400 anos da fundación do Santuario das Ermitas, así como nas melloras precisas deste lugar -patrimonio histórico protexido- que “concentra gran parte da espiritualidade e devoción da comarca de Valdeorras e dos concellos limítrofes”, salientou Luis Menor.