O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación desta consolidada cita, que chega súa edición número 19
O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación oficial da XIX Copa Galicia de Xadrez – Maristas Ourense 2026 / Memorial Emilio Rodríguez. A cita desenvolverase este sábado, 13 de xuño, no polideportivo do colexio ourensán e congregará 300 deportistas de todas as idades. Segundo avanzou a organización, prevese que o evento reúna preto dun milleiro de persoas nas bancadas entre participantes e público.
O torneo destaca un ano máis polo seu alto nivel competitivo. Contará con xadrecistas das catro provincias galegas, de Castela e León e de Portugal. Entre os inscritos figuran media ducia de campións galegos individuais, varios xogadores que representarán a Galicia coa selección autonómica no vindeiro Campionato de España e máis de 100 deportistas con ránking internacional.
O certame ten un grande compoñente interxeracional, con participantes que van desde os 5 ata os 81 anos. O evento servirá tamén para render un emotivo tributo a Emilio Rodríguez, exprofesor do colexio Maristas e figura clave que exerceu como motor indispensable do torneo durante as súas primeiras 15 edicións.
A actividade comezará ás 16.00 horas coa inauguración e, desde as 16.15 horas, desenvolveranse as partidas, que se prolongarán ata o acto de clausura e entrega de premios, previsto para as 20.15 horas.
No acto de presentación celebrado hoxe participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; a concelleira de Transporte Público, Ana Fernández, o director de Deportes da Deputación de Ourense; o xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez; o director do colexio Maristas, Luis Ángel Arias; o presidente do Club Xadrez Ourense, Elías González, así como os destacados xogadores Martín Sabuz e Yudania Hernández.

