O presidente provincial, Luis Menor, celebrou unha xornada de traballo na comarca de Valdeorras, na que o Consorcio de Augas aprobou os orzamentos de 2025 dotados de 1,8 millóns de euros
Cos representantes do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Menor puxo en valor o “tirón” do godello valdeorrés e a “oportunidade” que supón este auxe para o resto de viños da comarca a nivel de promoción
No encontro coa Fundación Florencio Delgado Gurriarán adiantou o estudo dunha colaboración para poñer en marcha unha sede da entidade, en pleno Camiño do Inverno
O presidente fixo un balance “altamente satisfactorio” do traballo realizado na primeira sede que a institución ten fóra do Pazo Provincial e que permite achegarse á comarca “sobre o terreo, coñecendo os problemas de primeira man”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, desprazouse ata a comarca de Valdeorras para abordar, en varias reunións, avances e retos pendentes coa veciñanza do oriente ourensán. Neste sentido, Menor destacou o compromiso coa localidade de San Vicente, ao facer efectiva a cesión dun tramo de estrada para que o Concello de Vilamartín de Valdeorras xestione e manteña a vía.
Luis Menor e a tenente-alcaldesa Sherezade Núñez firmaron a acta de entrega ao Concello dun treito de aproximadamente 500 metros na estrada provincial OU-0807 (Vilamartín-San Vicente). O Concello solicitara á Deputación o cambio de titularidade dun treito desta vía, co obxectivo de asumir a súa xestión e mantemento e mellorar a seguridade da veciñanza, que vira condicionado o seu acceso á localidade de San Vicente por derrubamentos.
Aprobados os orzamentos para 2025 do Consorcio de Augas
O Consorcio de Augas de Valdeorras, constituído polos nove concellos da comarca, a Deputación e Augas de Galicia, celebrou nesta xornada a súa asemblea xeral. Entre os acordos adoptados figura a aprobación do orzamento de 2025, que alcanzará 1,8 millóns de euros, así como a actualización das tarifas pola prestación do servizo de abastecemento, que vai permitir o equilibrio económico do Consorcio.
Aposta polo incremento da promoción da D.O. Valdeorras
O presidente provincial reuniuse tamén hoxe con Marcos Prada Ginzo, presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, e Patricia de Andrés, secretaria do consello regulador, para abordar a renovación da sede do consello e analizar a necesidade de aproveitar o “tirón” do godello en Valdeorras, para que outros viños menos coñecidos poidan valerse desa promoción e visibilidade que da o godello. Tamén se avanzou nun escenario de traballo para crear unha instalación de promoción dos produtos da D.O, propostas que se estudarán na Deputación.
Colaboración coa Fundación Florencio Delgado Gurriarán
Menor tamén mantivo un encontro de traballo con representantes da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, institución encargada de poñer en valor o legado do poeta valdeorrés e a cultura da comarca.
A Deputación achegou en 2024 unha subvención de 30.000 euros para poñer en marcha actividades e, de cara ao ano que vén, estúdase a colaboración para rehabilitar un edificio para a futura sede da fundación, no marco do compromiso da institución provincial coa cultura galega. Ademais, esta futura instalación, en pleno Camiño do Inverno, axudaría a incrementar a promoción deste itinerario xacobeo.
Sede comarcal para “traballar sobre o terreo”
Durante a súa visita, Luis Menor fixo balance do traballo realizado na primeira sede da Deputación fóra do Pazo Provincial, cunha delegación na comarca de Valdeorras, na Casa Grande de Viloira do Barco, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, para canalizar a voz de toda esta comarca, na que, ademais, cóntase cunha deputada delegada especial para os asuntos que afectan ao oriente ourensán, a tamén alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González.
“O balance desta nova sede é altamente satisfactorio, porque tratamos problemas da comarca na propia comarca e vén a institución aquí, a coñecer os problemas de primeira man, sobre o terreo”, destacou Menor na xornada de traballo.
Neste sentido, o presidente provincial lembrou que a Deputación “non é un problema para ninguén, senón que pretende ser solución para moitos”.
Destacou Valdeorras como unha comarca “extraordinariamente dinámica, pola que temos que apostar e reivindicar as eivas que ten”, lamentando o “gran déficit” en infraestruturas, especialmente, a autovía A-76.