Ortigueira exhibe o seu potencial en innovación educativa na feira Innova FP no Gaiás

Redacción
Lectura mínima de 3

A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolle estes días a Feira de Innovación Educativa, Innova FP, un escaparate de referencia onde se dan cita trinta familias profesionais diferentes para mostrar o talento e a vangarda da formación actual. Neste escenario de intercambio de coñecementos, Ortigueira cobrou un protagonismo especial grazas á presentación do proxecto ‘ORTISelfie’, unha iniciativa do alumnado dos ciclos de Carpintería e Moble do IES de Ortigueira que combina tecnoloxía, sustentabilidade e promoción do patrimonio local dun xeito brillante.

‘ORTISelfie’ destaca por ofrecer unha solución innovadora para a difusión da información turística de puntos tan emblemáticos como a propia vila de Ortigueira e o mundialmente coñecido banco de Loiba. Este dispositivo non só cumpre unha función informativa, senón que integra a fotografía e o uso de enerxías renovables mediante o aproveitamento da enerxía solar, permitindo ademais aos usuarios a carga de dispositivos móbiles de forma totalmente autónoma e ecolóxica. A proposta espertou un gran interese entre os asistentes pola súa capacidade para modernizar a experiencia do visitante respectando o medio ambiente.

Detrás deste éxito atópase o traballo coordinado dos ciclos de Carpintería e Moble do IES de Ortigueira. Os alumnos do centro foron os encargados de materializar esta idea baixo a dirección técnica de Alberto Gallego e coa coordinación xeral de Rebeca Blanco, quen lidera este proxecto. Alén da exposición de ‘ORTISelfie’, o equipo organizou un taller interactivo dirixido ao público infantil, onde os máis pequenos poden iniciarse nos labores de montaxe mediante o uso de diversos trades e tornillería, fomentando así o interese polos oficios tradicionais desde unha perspectiva lúdica.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, desprazouse hoxe ata o Gaiás para acompañar á delegación ortegana e mostrar o apoio firme da administración local a estes novos talentos. Durante a súa visita, o rexedor destacou o orgullo que supón para o municipio ver como o esforzo dos estudantes e o profesorado tradúcese en proxectos premiados que sitúan á formación profesional de Ortigueira á cabeza da innovación en Galicia.

Comparte este artigo