A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou vinte acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que tivo lugar a mediodía de hoxe no salón de plenos.
Licenzas (6): Conceder 3 licenzas urbanísticas de obra: para o proxecto básico dun edificio de 12 vivendas na rúa Celso Emilio Ferreiro, para o proxecto de reforma de portal e modernización de ascensor nun inmoble na Avenida Otero Perdrayo e para o proxecto de reforma de portal e substitución de ascensor noutro edificio na Avenida de Santiago. Tamén concedeu dúas prórrogas; para rematar as obras de rehabilitación e ampliación dunha vivenda unifamiliar na rúa da Fonte, en Reza, e para iniciar as obras de instalación dun ascensor nun edificio da rúa Río Arnoia. Tamén a proposta do servizo de Licenzas, a Xunta Local acordou declarar que non é precisa a autorización municipal para desvincular as carboeiras de 2 vivendas dun inmoble na rúa Bonhome.
Patrimonio (2): Desestimar dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial presentadas por particulares, por non concorrer os requisitos que dan dereito a unha indemnización.
Rehabilitación (1) Denegar unha solicitude de subvención para financiar obras de rehabilitación dun inmoble.
Avogacía Consistorial (11) A Xunta de Goberno Local deu conta de 5 sentenzas ditadas polo Xulgado do Contencioso administrativo número 2 de Ourense, dunha sentenza e dun auto do número 1 e dunha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia. Tamén foi informada de que o Concello foi emprazado para comparecer en 3 procedementos diante dos xulgados do Contencioso número 1 e 2.

