Avante Ourense aposta por remunicipalizar o transporte urbano,neliminar os transbordos, aumentar as frecuencias nos barrios e implantar a gratuidade do autobús para menores de 16 anos

Redacción

Francisco Diéguez: “non é aceptable que vivir en Seixalbo, A Cuña, O Pino ou calquera outro barrio signifique ter peor transporte público. O código postal non pode determinar a calidade dos servizos públicos.”

A mobilidade condiciona o día a día de milleiros de persoas en Ourense. Poder chegar ao traballo, ao hospital, ao centro educativo ou ao comercio de forma rápida e accesible non pode depender do barrio no que se vive. Por iso, Avante Ourense presenta un paquete de medidas para construír unha cidade mellor conectada, máis accesible e cun transporte público moderno e eficiente.

A principal proposta da plataforma é a remunicipalización do servizo de transporte urbano, recuperando a xestión pública dun servizo esencial para garantir unha planificación orientada ao interese xeral e ás necesidades reais da cidadanía.

Ademais, Avante Ourense elaborará un Novo Plan de Transporte Urbano, que incluirá a eliminación dos transbordos innecesarios, o incremento das frecuencias e unha mellor conexión dos barrios con peor cobertura, como Seixalbo, A Cuña, O Pino, Mariñamansa, Velle ou Covadonga, así como co CHUO, a Universidade, a estación intermodal e os polígonos industriais.

Entre as medidas tamén figura a implantación da gratuidade do autobús urbano para todos os menores de 16 anos, ampliándoa ata os 18 anos para aqueles mozos e mozas que continúen estudando, co obxectivo de reducir o gasto das familias e fomentar o uso do transporte público desde idades temperás.

A plataforma completa as súas propostas coa creación dun billete único metropolitano, un Plan de Accesibilidade Universal para eliminar barreiras arquitectónicas, unha rede segura de itinerarios peonís e ciclistas, a creación de aparcadoiros disuasorios nas entradas da cidade e a implantación de camiños escolares seguros.

Desde Avante Ourense lembramos que esta é a terceira das dez áreas estratéxicas da campaña “Ourense merece máis”, coa que a plataforma continúa presentando propostas concretas para construír unha cidade máis conectada, sostible e centrada nas persoas.

Comparte este artigo