Francisco Diéguez: ‘’É bastante triste que nunha cidade como Ourense teñamos que conformarnos cun refuxio climático limitado a unha parte da avenida. Se a Xunta non achega os recursos suficientes para facer unha actuación máis ambiciosa, o Concello debe asumir a súa responsabilidade, poñer os fondos necesarios e completar o proxecto. Adaptar Ourense ao cambio climático xa non é unha cuestión estética nin unha opción: é unha necesidade”
Avante Ourense considera insuficiente a actuación financiada pola Xunta e pide que o Concello asuma a intervención necesaria para estender o proxecto ao outro lado da avenida.
Avante Ourense vén de presentar un requirimento ao Concello de Ourense para solicitar que complete con fondos municipais a actuación iniciada na avenida Otero Pedrayo, estendendo o refuxio climático ao outro lado da vía e evitando que unha intervención destas características quede limitada a unha parte da avenida.
A plataforma valora positivamente que se poña en marcha o primeiro refuxio climático urbano da cidade, pero considera claramente insuficientes os 340.000 euros achegados pola Xunta de Galicia para unha cidade que sofre cada vez con maior intensidade as consecuencias das temperaturas extremas.
A petición cobra aínda maior relevancia ante as últimas proxeccións científicas sobre a evolución das temperaturas. O Atlas de Vulnerabilidade ao Calor, elaborado polo Barcelona Supercomputing Center, proxecta que Ourense podería pasar dos 21,2 días anuais de calor extremo rexistrados como referencia no ano 2000 a 58,1 días no horizonte de 2050, practicamente dous meses ao ano.
Estes datos, recollidos tamén recentemente por diversos medios de comunicación evidencian para Avante Ourense que a cidade debe comezar xa unha transformación urbana profunda, incrementando o arborado, as zonas de sombra, os corredores verdes e os refuxios climáticos.
Avante Ourense insiste en que Otero Pedrayo debe ser só o primeiro paso dunha rede de espazos adaptados ás temperaturas extremas e reclama máis ambición tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Ourense ante un problema que condicionará cada vez máis a saúde e a calidade de vida da cidadanía.

