· Esta é a segunda vez no presente ano en que as deputadas e deputados populares solicitan información ao Goberno sobre a rehabilitación da vía, para un proxecto que ten “un prazo de contrato enorme: nada menos que 38 meses”
· O deputado ourensán Celso Delgado pon énfase na “total falta de compromiso” do Ministerio “cun proxecto prioritario para mellorar as comunicacións entre Ourense e Lugo”, destacando que esta estrada é, precisamente, a única opción para conectar as dúas capitais logo da “manifesta desidia coa autovía A-56”
· O deputado lucense Francisco Conde alerta de que “xa estamos en outono e, coa información dispoñible, o Ministerio deixou pasar o verán sen apenas traballar na N-540”, especialmente entre Chantada e o límite co provincia de Ourense
Os deputados do Partido Popular no Congreso polas provincias de Ourense e Lugo advirten que o Goberno de Sánchez está a poñer en perigo a seguridade viaria na N-540 ante a falta de avances na rehabilitación dun firme “absolutamente deteriorado”, eludindo con informacións “claramente insuficientes” dar unha resposta clara e concreta sobre as obras executadas ata o momento nesta estrada e a data prevista de finalización.
Ante esta situación, a representación das provincias de Ourense e Lugo no Congreso -Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, e Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades- puxeron en marcha unha nova iniciativa parlamentaria para requirir ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que dea unha información detallada do proxecto de rehabilitación desta vía.
Preguntan así a data na que se formalizou o contrato das obras para renovar o firme da N-540 na provincia de Lugo, a data de inicio dos traballos, as obras executadas entre Lugo e Chantada, así como as realizadas entre este último concello e o límite coa provincia de Ourense e as levadas a cabo en todo o tramo ourensán, esixindo ao Ministerio unha data para o remate da totalidade das obras nesta estrada, que comunica as capitais de ambas provincias.
Esta é a segunda vez no presente ano en que as deputadas e deputados populares solicitan información ao Goberno sobre a rehabilitación da estrada nacional. Tras unha primeira interpelación en marzo, un mes máis tarde o Goberno contestou que “en inverno non se poden realizar obras de firmes polas condicións meteorolóxicas”, engadindo que estes traballos “necesitan unhas condicións de humidade e temperatura determinadas que normalmente só ocorren en período estival; de aí a súa intermitencia”.
O deputado ourensán Celso Delgado pon énfase na “total falta de compromiso” do Ministerio “cun proxecto prioritario para mellorar as comunicacións entre Ourense e Lugo”, destacando que esta estrada é, precisamente, a única opción para conectar as dúas capitais logo da “manifesta desidia coa autovía A-56”.
Unha resposta “claramente insuficiente” para un proxecto que, ademais, “ten un prazo de contrato enorme: nada menos que 38 meses”, denuncia pola súa banda o deputado lucense Francisco Conde. “O certo é que estamos xa en pleno outono e, coa información dispoñible, o Ministerio deixou pasar o verán sen apenas traballar na N-540”, advirte Conde, especialmente entre Chantada e o límite co provincia de Ourense.
Celso Delgado e Francisco Conde coinciden en subliñar que as queixas dos condutores “son cada día más numerosas” e que a proximidade do inverno “fai saltar todas as alarmas”.



