O presidente provincial visitou hoxe este espazo de lecer, o maior referente destas características durante o Nadal galego, e avanzou que desde a Deputación “xa estamos a traballar para ver como podemos seguir innovando e mellorando esta cita co ocio que está plenamente consolidada”
Segundo os datos da organización de Pazolandia, cada día estanse a alcanzar as 3.000 visitas, acreditando que ao redor dun 10% das mesmas son de persoas de fóra da provincia
Pazolandia é o gran referente do ocio de Nadal en familia, tal e como comprobou in situ o presidente provincial, Luis Menor, tras visitar este parque de atraccións situado no Pazo Paco Paz e que organiza cada ano a Deputación de Ourense.
Menor destacou o “elevado nivel de satisfacción das familias” respecto á presente edición de Pazolandia, a máis inclusiva da súa historia, pois este ano presta especial atención aos nenos e nenas con trastornos do espectro autista, TEA, aos que se lles ofrece unha pulseira de acceso prioritario co fin de que non teñan que agardar demasiado tempo nas colas. Outra gran novidade é o establecemento, por primeira vez, da restrición de emisións acústicas, protexendo os dereitos de persoas con dificultades para desfrutar dun evento deste tipo. Ademais, habilitouse unha unha zona de calma, integrada por unha habitación de descanso e relaxación, onde as persoas con dificultades sensoriais podan relaxarse en momentos de sobrecarga.
O presidente provincial avanzou que desde a Deputación “xa estamos a traballar para ver como podemos seguir innovando e mellorando esta cita co ocio familiar na provincia que está plenamente consolidada”. Precisamente, desde a organización deste evento no Pazo Paco Paz, avanzan que se está a completar o aforo de 3.000 visitas diarias, acreditando ademáis que ao redor dun 10% proceden de persoas de fóra da provincial. Precisamente, a este respecto Luis Menor matiza que “non contemplamos aumentar aforo porque consideramos que é mellor que os usuarios estén cómodos desfrutando deste servizo que non ten ánimo de lucro”.
Completa oferta de lecer
Os máis de 8.000 metros de actividades que ofrece Pazolandia están repartidos en dous pavillóns interiores e no exterior, onde están as atraccións máis grandes e para os máis mozos, así como diversos postos de restauración e probas de habilidade. Como novidade exterior, Pazolandia conta coa atracción “Martillo Kamikace”, un péndulo de dobre eixo con xiros de 360 grados.
No pavillón auxiliar sitúase as atraccións para os máis cativos, o tren para toda a familia, inchables e carruseis. Tamén está a zona de ludoteca con parque de bolas e o espazo do xoguete, coas últimas tendencias para os máis pequenos.
Na planta baixa, ou pavillón principal, están os tirachinas, a montaña rusa tigre ou o circuíto de motos. Como gran novidade este ano, tamén está dispoñible una pista de patinaxe sobre xeo. Por último, na primeira planta hai obradoiros de maquillaxe, tatuaxe, globoflexia e unha zona dedicada ás últimas novidades en videoxogos, incluíndo simuladores de condución.