O presidente provincial recibiu no Salón de Plenos a este club deportivo e felicitou ás patinadoras e ao equipo técnico polos excelentes resultados acadados nesta tempada e “por representar con orgullo á provincia e por demostrar que o talento deportivo tamén nace e medra nos concellos da nosa terra”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Pazo Provincial ao Club AEHDE O Carballiño para felicitar ás patinadoras e ao equipo técnico polos excelentes resultados acadados esta tempada na modalidade de show, consolidando ao club como unha das referencias do patinaxe artístico na provincia.
Na súa segunda tempada en categoría nacional, o grupo de show do Club AEHDE O Carballiño logrou o terceiro posto no Campionato Galego celebrado no polideportivo das Travesas, en Vigo, co seu programa “Asasinato no Orient Express”. Tan só dúas semanas despois, o equipo subiu un chanzo máis no podio ao proclamarse subcampión da Copa Galega de show, disputada no propio Carballiño.
O club vén ademais de acadar un destacado décimo posto no seu primeiro Campionato de España da modalidade, un resultado que lle dá dereito a participar na Copa de Europa que se celebrará a finais do mes de setembro, segundo informou a Real Federación Española de Patinaxe.
Durante a recepción, Luis Menor destacou “o traballo, a constancia e o talento dun club que leva o nome do Carballiño e da provincia de Ourense a competicións de máximo nivel”, subliñando tamén a importancia do deporte base e da canteira para o desenvolvemento do territorio.
O presidente provincial puxo en valor a traxectoria ascendente do club, que comezou a funcionar no ano 2018 e que, tras a pandemia, encadeou 17 podios en 18 citas na categoría promocional, consolidando desde entón un crecemento continuo. Neste sentido, destacou tamén a aposta pola canteira, coa creación doutros dous grupos de show: un en Segunda categoría e outro de iniciación.
Antes da cita europea, o Club AEHDE O Carballiño participará o vindeiro 18 de abril no Trofeo de Alcoy – Copa de España de show, na localidade alacantina, onde continuará competindo ao máis alto nivel.
Luis Menor trasladou o apoio da Deputación de Ourense ao club e felicitou ás deportistas, ao corpo técnico e ás familias “por representar con orgullo á provincia e por demostrar que o talento deportivo tamén nace e medra nos concellos da nosa terra”.

