· A Vicepresidenta primeira da Deputación rexeita as “inexplicables críticas” do grupo socialista e reivindica “o gran esforzo realizado para axudar aos concellos cunha “cifra inédita”
· Advirte que se o PSOE síntese “contrariado” será porque “só ven os recursos destinados aos concellos como unha mera repartición de cartos”
· Afirma que as cantidades destinadas ás entidades locais “están moi por encima das expectativas que poderían ter os socialistas”, subliñando que o PP traballa sobre a máxima da planificación para que os concellos podan executar os seus proxectos
· No que vai de mandato “fomos quen de mobilizar unha cifra récord para financiamento”, unha liña de traballo que terá como resultado dentro de dous anos “un fito histórico na Deputación de Ourense que ninguén vai poder discutir”
A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Novoa, defendeu hoxe o “inequívoco compromiso municipalista do goberno provincial”, que desde o inicio do mandato destinou a “inédita cifra” de 63,6 millóns de euros a cooperación con concellos e mancomunidades.
Novoa fixo esta afirmación durante a Comisión informativa especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos, en resposta ás críticas do grupo socialista ao documento económico e que cualificou de “inexplicables e fóra de lugar”. Reivindicou o esforzo realizado polo Goberno provincial para axudar aos concellos, advertindo que se o PSOE síntese “contrariado” será porque “só ven os recursos destinados aos concellos como unha mera repartición de cartos”. O Partido Popular incidiu, traballa sobre a base da planificación para que os concellos podan executar os seus proxectos, “mentres que o Goberno central non axuda en nada”.
As cantidades destinadas ás entidades locais “están moi por encima das expectativas que podería ter o PSOE” afirmou a vicepresidenta primeira, quen destacou que se achegan recursos a todos os concellos da provincia, ás sete mancomunidades de municipios e mesmo á mancomunidade turística que conforman os concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro.
Marta Novoa referenda o exhaustivo traballo realizado polo goberno provincial para seguir contribuíndo “á estabilidade e seguridade financeira que precisan os nosos concellos”. Unha distribución de recursos que axudará a financiar proxectos locais en infraestruturas básicas, en servizos sociais, en materia deportiva, cultural ou turística.

