A liña número 3: Santa Cruz – O Cumial circulará pola Ponte Nova en vez de pola Ponte do Milenio, mantendo os seus horarios
A semana próxima habilitarase un autobús de reforzo: Praza da Mariña – Parque de San Lázaro polas mañás, para atender o aumento de usuarios
O Concello de Ourense activará o vindeiro luns, día 6 de outubro, os últimos axustes de mellora e optimización da nova rede de liñas do servizo de autobuses urbanos.
Como se anunciara en días pasados, consistirán, por unha banda, en dotar de conexión a Mende coa residencia sanitaria, a través do Polvorín, e en ampliar o percorrido da liña número 6 “Campo de fútbol do Couto-Residencia-As Curuxeiras”, desde o campo de fútbol até a estación de tren, para conectar esta última coa residencia, até que no mes de marzo entre en servizo a futura liña circular.
Ademais, tamén desde o vindeiro luns, a liña número 3: Santa Cruz – O Cumial circulará pola Ponte Nova, en vez de pola Ponte do Milenio, mantendo os seus horarios habituais.
Por outra banda, desde o martes ou o mércores da semana próxima, o Concello habilitará un autobús de reforzo que percorrerá polas mañás o traxecto Praza da Mariña – Parque de San Lázaro, en ruta de ida e volta desde as 7.30 até as 14.30 horas. Con este servizo preténdese dar resposta ao incremento do número de usuarios rexistrado nesta ruta, en torno a un 4%.

