A concelleira de Asuntos Sociais recibiu as organizadoras do evento, que persigue visibilizar e sensibilizar a sociedade ourensá acerca do autismo
Estará presentada por Tamara Pérez, terá como madriña a Uxía e contará coa actuación dunha decena de grupos, artistas e escolas
O Auditorio Municipal de Ourense será escenario o día 29 de marzo da terceira edición da Gala solidaria Por Eles TEA. A concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, recibiu esta mañá no Concello a María Losada, vicepresidenta da asociación Por Eles TEA, Rebeca Iglesias Fernández, vogal da asociación e Marta Bravo Taboada, directora do estudio Repenica, que traballan na organización do evento, no que colabora o Concello de Ourense.
A gala será o sábado, 29 de marzo ás 18.30 horas, estará presentada por Tamara Pérez e terá como madriña a cantante Uxía. Contará coa actuación de Ángel Cerezuela, Magín Banco, Jony e Fabián González, Estudio Repenica, Academia Drop, Orfeón do Carballiño. Coro Enharmonía, Tics Formación Artística e Muma´s Troop. As entradas estarán á venda en Ataquilla, a un prezo de 10 euros e tamén haberá Fila 0.
María Losada explicou que esta é unha iniciativa que conmemora o Día Mundial do Autismo (2 de abril) e ten como finalidade recadar fondos para os proxectos e servizos que presta a asociación Por Eles TEA, ao tempo que “visibilizar o autismo e concienciar a sociedade ourensá acerca das realidades distintas das maioritarias”, coa fin de que a inclusión “non sexa só unha palabra senón unha realidade”. A actividade chega este ano á terceira edición, logo da boa acollida dos anos anteriores e apoiará os proxectos da asociación, que aspira tamén a contar no futuro cun local de maior capacidade para as actividades que desenvolven, que contan cunha demanda cada vez maior.
A concelleira Tamara Silva lembrou a vontade do Concello de colaborar con Por Eles TEA, tanto a través do convenio de colaboración asinado como, neste caso, coa cesión do Auditorio como escenario desta actividade. Silva animou o público ourensán a asistir: “cantos mais mellor, benvidos todos e máis con esa finalidade solidaria de poder axudar e visibilizar a persoas que moitas veces pasan desapercibidas”.
Pola súa banda, Marta Bravo explicou que para Repenica “é un luxo formar parte deste proxecto e axudar a todas as persoas da asociación e ás que veñan”, neste caso nun evento de “reivindicación tamén da cultura”. Convidou a cidadanía a “que veña pasalo ben: este ano temos o orgullo de que veña como madriña da gala Uxía, a cantante galega por excelencia, no seu aniversario de 40 anos de carreira musical, que celebraremos por todo o alto”. Tamén avanzou a presenza de “convidados de luxo”, como o cantautor emerxente Ángel Cerezuela, que presentará single na gala, e a totalidade de artistas, grupos e escolas de baile que participarán. Será dixo, “un espectáculo marabilloso que ninguén pode perder”