O Concello de Ourense e o Colexio de Enxeñeiros de Caminos, Canais e Portos de Galicia colaborarán en diferentes ámbitos co obxectivo de axilizar trámites administrativos e organizar actividades conxuntas.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinou esta mañá o convenio co decano do colexio galego, Enrique Urcola Fernández-Miranda, logo dunha xuntanza no salón de plenos, na que tamén participaron o concelleiro de Obras Públicas e Urbanismo, Francisco Lorenzo, o secretario do ecolexio, Franciso Rosado e o representante en Ourense, Juan Vázquez.
Alcalde e decano subliñaron que Ourense é a primeira cidade de Galicia que asina un convenio de colaboración co colexio profesional, que ten como obxectivo “traballar xuntos en ámbitos relacionados coa enxeñería”, e avanzar en diferentes ámbitos de cooperación que contribúan a axilizar e mellorar trámites administrativos. Tamén se prevé organizar actividades divulgativas, como unhas xornadas técnicas sobre mobilidade que Concello e colexio prevén organizar en marzo deste ano.



