Haberá 60 prazas e as persoas interesadas poderán inscribirse desde o día 20 ás 10h
Disporán de lentes homologadas e asesoramento para a observación telescópica e a realización de fotografías
A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense, en colaboración coa Asociación Astronómica de Ourense, organiza a actividade gratuíta “Un balcón ao universo” para contemplar a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. A cita terá lugar no Parque de Montealegre a partir das 19.30 horas.
O evento contará coa asistencia técnica de membros da asociación, que facilitarán a observación telescópica e axudarán a realizar fotografías. Ademais, a organización porá á disposición do público lentes homologadas para garantir unha visión segura do fenómeno.
Inscricións e prazas A actividade conta cun límite de 60 prazas que se asignarán por rigorosa orde de inscrición a través da web oficial: https://actividades.ourense.gal/. Poderán participar persoas desde 6 anos de idade. Os menores deberán ir acompañados dun adulto e cada adulto poderá inscribir un máximo de 3 menores ao seu cargo.
Recomendacións de seguridade. Para o correcto desenvolvemento da actividade, o Concello lembra a importancia de:
- Utilizar sempre a protección ocular adecuada nas fases parciais.
- Vixiar estritamente aos menores e persoas que precisen apoio.
- Evitar camiñar mentres se mira ao ceo para previr caídas.
- Seguir as indicacións do persoal de organización e respectar a contorna natural.

