O goberno municipal entende que este é un emprazamento mellor por estar nun lugar “emblemático” da cidade
Licitará a xestión do actual local na rúa Isabel a Católica para uso hostaleiro
O Concello de Ourense trasladará a oficina municipal de turismo á Praza de San Martiño, xunto á catedral. O goberno municipal entende que este é un mellor emprazamento para este servizo, ao tratarse dun enclave que se atopa no centro histórico da cidade, nas proximidades de dous dos seus principais recursos turísticos, como son a catedral e a Praza Maior: “É un lugar emblemático da cidade, onde os turistas xa acoden con frecuencia, polo que entendemos que o traslado vai supoñer unha mellora”, explican desde o equipo de goberno do Concello. A oficina de turismo estará nos baixos do edificio número 2 da praza, de titularidade municipal.
A oficina actual, emprazada na rúa Isabel a Católica, número 1, presenta deficiencias que deben ser emendadas e fan necesario realizar un custoso investimento para paliar problemas entre os que destacan os derivados da presenza de gas radon. O goberno municipal licitará a xestión do local para uso hostaleiro, de xeito que a empresa que asuma a súa explotación realizará as obras de reforma necesarias.
O Concello comezará pasado mañá, xoves, os traballos de traslado, que prevé ter rematados a comezos da semana próxima. O servizo de atención turística seguirase prestando con continuidade no actual emprazamento até que se complete o traslado.