· O Partido Popular lamenta que o BNG se negue a apoiar unha proposta que situaba a responsabilidade en quen hoxe ten que actuar: ADIF e o Goberno central.
· A Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e Concello de San Cibrao xa demostraron con feitos e compromisos públicos o seu apoio á esta infraestrutura estratéxica para a provincia de Ourense
· O PP acusa ao BNG de enredar e seguir exercendo de “muleta” do PSOE e de Pedro Sánchez, facendo malabarismos políticos para desviar a atención das competencias e incumprimentos do Estado
O Partido Popular lamenta que o BNG decidise rexeitar a emenda presentada para reforzar a iniciativa sobre a estación de mercadorías de San Cibrao das Viñas e dirixir así a reclamación cara a quen ten nestes momentos a responsabilidade real de actuar, ADIF e o Goberno de España.
A proposta do PP recoñecía o compromiso demostrado pola Xunta de Galicia cunha infraestrutura estratéxica para o presente e o futuro industrial da provincia de Ourense e reclamaba ao Executivo central que impulsase, a través de ADIF, a planificación, tramitación e conexión da futura terminal ferroviaria á Rede Ferroviaria de Interese Xeral.
Para o PP resulta evidente que o compromiso e o traballo das administracións galegas quedou acreditado durante os últimos meses con feitos concretos. Fronte a isto, lembran que “o Goberno de España e ADIF continúan sen responder nin avanzar nos trámites fundamentais para desbloquear a infraestrutura, ausentándose ademais dos principais foros convocados para abordar o futuro da estación de mercadorías”, subliñou a deputada ourensá Noelia Pérez.
Desde o Partido Popular consideran que o BNG “volve optar por enredar e por facer oposición á Xunta en lugar de esixir responsabilidades a quen realmente ten paralizada a seguinte fase do proxecto”.
“O BNG non debería ter ningún problema en apoiar unha emenda que simplemente pon as cartas boca arriba e sinala a administración que hoxe ten que mover ficha. Pero unha vez máis decidiron actuar como muleta do Partido Socialista e de Pedro Sánchez, facendo malabarismos políticos para desviar a atención dos agravios e incumprimentos do Goberno central con Galicia e coa provincia de Ourense”.

