O PP de Ourense propón emendar a moción do PSOE sobre sanidade pública co obxectivo de defender “un debate rigoroso, con datos actualizados e afastado do alarmismo”

Redacción

·          O grupo provincial aposta por manter os puntos centrais da defensa institucional dos hospitais comarcais, pero eliminando o que considera referencias “inexactas e desactualizadas” sobre a situación sanitaria da provincia, especialmente no que atinxe ao Hospital Comarcal de Verín

O PP de Ourense presentará no vindeiro pleno da Deputación unha emenda de modificación á moción do PSOE sobre sanidade pública co obxectivo de defender “un debate rigoroso, con datos actualizados e afastado do alarmismo” sobre a situación dos hospitais comarcais da provincia.

O grupo provincial popular aposta por manter os puntos centrais da defensa institucional dos hospitais comarcais, pero eliminando o que considera referencias “inexactas e desactualizadas” sobre a situación sanitaria, especialmente no referido ao Hospital Comarcal de Verín.

A proposta de modificación presentada polo PP recolle o apoio institucional da Deputación aos hospitais comarcais como servizos esenciais para garantir a igualdade territorial, así como a necesidade de continuar reforzando a cobertura de especialistas, recuperar o servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) e seguir avanzando nun plan específico de fortalecemento da sanidade no rural.

Os populares subliñan que a Xunta de Galicia “leva anos realizando un esforzo sostido para reforzar os hospitais comarcais”, tanto en materia de persoal como de infraestruturas e equipamento tecnolóxico. Neste sentido, lembran que o Hospital de Verín incrementou nun 37,5 % o seu cadro médico entre 2024 e 2025, incorporando 15 novos especialistas en áreas como anestesia, cirurxía xeral, traumatoloxía, oftalmoloxía ou medicina interna.

Segundo destacan os populares, actualmente máis do 90 % das prazas de especialistas do Hospital de Verín están cubertas, o que permitiu reorganizar servizos e mellorar a atención aos pacientes.

Ademais, salientan que antes de rematar o verán está prevista a posta en marcha do novo equipo de Hospitalización a Domicilio no distrito sanitario de Verín, incluíndo atención paliativa.

O PP tamén cuestiona que a moción socialista utilice datos “antigos” para describir a situación actual da sanidade na comarca, lembrando que numerosas especialidades presentan tempos de espera inferiores aos 20 días e que outras, como dixestivo ou oncoloxía, practicamente non teñen demora.

En materia de investimentos, o grupo popular reivindica actuacións impulsadas pola Xunta como a construción do novo edificio de urxencias e PAC do Hospital de Verín, cun investimento de 4,9 millóns de euros, así como a renovación tecnolóxica e enerxética do complexo hospitalario.

Así mesmo, lembran que este mesmo ano 2026 está prevista a licitación de novas actuacións de reforma no hospital por valor de 1,5 millóns de euros.

Desde o PP provincial insisten en que “a sanidade pública no rural deféndese con planificación, investimentos e medidas eficaces”, apostando por “seguir fortalecendo os hospitais comarcais como unha peza clave da cohesión territorial e da igualdade de acceso aos servizos públicos”.

Comparte este artigo