· Rosa Quintana anuncia un portelo único para reducir a carga burocrática no sector primario, unha fiscalidade específica para quen viva e traballe no rural e a avaliación do impacto das novas normas sobre a poboación rural
· Ana Belén Vázquez comprométese a dar continuidade á modernización do regadío a Limia para que sexa eficiente e rendible para os agricultores
· O representante dos regantes, Julio Montero Molinos, cifra en ata 7 millóns de euros a achega que deberán asumir os regantes e destaca o apoio da Xunta e da Deputación de Ourense
O PP de Ourense mantivo hoxe en Porqueira un encontro con representantes das comunidades de regantes da Limia no que as candidatas ao Congreso por Ourense, Rosa Quintana e Ana Belén Vázquez, expuxeron as propostas do partido para o sector primario. As populares comprometéronse a dar continuidade á modernización do regadío da comarca e a impulsar un plan nacional de regadíos que se estenda ao conxunto das zonas produtoras de alimentos.
Quintana agradeceu ás comunidades de regantes o seu traballo e situou a defensa dos agricultores, dos gandeiros e dos pescadores entre as prioridades de Alberto Núñez Feijóo. “Se hai un sector que temos que defender, é o que produce os alimentos”, afirmou.
A popular anunciou a creación dun portelo único para reducir as cargas burocráticas do sector primario e evitar que os profesionais teñan que acudir a distintos ministerios para resolver os seus trámites. Tamén defendeu mellorar a conectividade para facilitar que os produtos elaborados no rural cheguen a máis mercados e aplicar unha fiscalidade específica para quen decida traballar nel.
Quintana vinculou estas medidas coa necesidade de crear condicións para que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida no rural. “Non se aprobará ningunha norma en España sen avaliar o impacto que terá na xente que vive no rural”, asegurou. Así mesmo, defendeu que os produtos procedentes de terceiros países cumpran requisitos equivalentes aos que se lles esixen aos produtores españois e reclamou controis para impedir a comercialización de importacións que incumpran a normativa.
Un regadío eficiente e rendible para A Limia
Ana Belén Vázquez reivindicou o traballo dos agricultores da comarca e comprometeuse a continuar a modernización do regadío “ata que sexa eficiente e remate como ten que rematar, sendo rendible para os agricultores”. A candidata destacou o apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense ao proxecto e reclamou ao Goberno central que evite cargar sobre os produtores un custo que comprometa a rendibilidade das explotacións. “O único que fixo o Goberno de Sánchez por eles foi fritilos a impostos”.
Pola súa banda, Julio Montero Molinos, presidente da Comunidade de Regantes de San Salvador de Sabucedo, no concello de Porqueira, e secretario da Comunidade de Regantes Nova Limia, sinalou que os regantes terán que asumir ata 17 millóns de euros, dos que 7 millóns corresponden só ao IVE. “Son cartos que viñeron de Europa e que lle temos que devolver en impostos ao Goberno”, explicou, destacando ademais a achega de 7 millóns da Xunta para modernizar o regadío, o compromiso adicional de 8 millóns anunciado polo presidente Alfonso Rueda e os 4 millóns de fondos propios achegados pola Deputación de Ourense para contribuír a sacar adiante o proxecto. “Sen estas achegas, este proxecto sería imposible sacalo adiante”, matizou.

