Redacción
Entrega do II Premio pioneiros da Pizarra en Valdeorras. Participan Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación de ourense), Alfonso Rueda Valenzuela (Presidente da Xunta de Galicia), Eliseo Lóez Alonso (Presidente do Cluster da Pizarra de Galicia), Crisitna Clavería (Mantedora do acto), Andrea Veloso e Iria Rodríguez (Voz e Piano respectivamente, a cargo da actuación musical), os ex-presidente da A. nacional de Colocadores de pizarra homenaxeados Aurentio Fernández García (finado), Ángel Pérez Álvarez (Finado), Esteban González Cuellas (Finado), Rogelio López Rodríguez, Manuel Fernández Blanco, Jesús Vidal Corcoba, Santiago Vázquez León, José Fernández Fernández, Víctor Cobo Arias, jose Antonio matarán Delgado, Miguel Ángel Fernández García.

Luis Menor asiste en Valdeorras á homenaxe aos pioneiros da lousa, motor industrial e exportado da comarca
O presidente da Deputación de Ourense entregou o galardón á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña na segunda edición do Premio Pioneiros da Pizarra

Vilamartín de Valdeorras, 24 de novembro de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asistiu esta mañá á entrega do II Premio Pioneiros da Pizarra, organizada polo Clúster da Pizarra de Galicia no Complexo Hostaleiro Paladium, en Vilamartín de Valdeorras. No transcurso da gala, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, Menor entregou un dos galardóns á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

A xornada rendeu homenaxe a once expresidentes da Federación Nacional da Pizarra, do Clúster da Pizarra de Galicia e da Asociación Nacional de Colocadores de Pizarra. O recoñecemento pon en valor o legado de quen contribuíu a transformar a extracción tradicional da lousa nunha industria de alcance internacional, construída co traballo de xeracións de familias da comarca.

Luis Menor lembrou que a lousa “é un dos principais motores económicos de Valdeorras”. O sector xera máis de 2.400 empregos directos e achega arredor do 26 % do PIB comarcal. Desde Valdeorras, as empresas exportan a mercados como Francia, o Reino Unido, Alemaña ou os Estados Unidos. “Esa proxección internacional ten un impacto directo no territorio, onde a actividade das canteiras e das plantas de elaboración sostén emprego e contribúe a fixar poboación”, recalcou.

Os premios recoñeceron tamén o labor de escolas universitarias e colexios profesionais vinculados á arquitectura e á arquitectura técnica. A súa participación na gala subliña a importancia da formación e da colaboración entre a industria e os profesionais da construción para dar a coñecer as posibilidades da lousa, un material natural e duradeiro cuxa elaboración incorpora novas tecnoloxías sen perder o arraigamento na comarca.

Comparte este artigo