O Tribunal de Instancia volve fallar a prol do Concello no litixio do edificio anexo aos Franciscanos

Redacción

Desestima o recurso da promotora, que solicitaba a aprobación dunha modificación da súa licenza de obra

Esta é a quinta resolución xudicial favorable ao Concello neste pleito

O Tribunal de Instancia de Ourense ditou unha nova sentenza favorable ao Concello no litixio do edificio anexo aos Franciscanos. A resolución desestima o recurso da empresa promotora contra o arquivo da súa solicitude de modificación da licenza de obra que lle fora concedida en 2013 para construír o edificio na rúa Xoaquín Lorenzo “Xocas” con Cardenal Quevedo. Esta sentenza é a quinta resolución xudicial favorable ao Concello neste asunto urbanístico, e avala de novo as actuacións da área de Urbanismo na tramitación do expediente

A resolución do tribunal conclúe que non é legalmente posible tramitar un proxecto modificado para validar modificacións substanciais consumadas nun edificio xa rematado. “A figura da modificación da licenza, que presupón unha obra en execución e un control previo por parte da Administración, non pode ser utilizada para convalidar, a posteriori, desviacións substanciais da legalidade urbanística xa consumadas», sinala a maxistrada da sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia, Praza número 2, de Ourense.

A historia deste litixio remóntase ao ano 2013, cando a empresa obtivo a licenza urbanística para construír o inmoble. Porén, executou obras que non se axustaban ao proxecto aprobado, con excesos de volume e de edificabilidade (o exceso dos voos pechados). Ao comprobar que o resultado final non cumpría co autorizado, o Concello de Ourense non lle concedeu a licenza de primeira ocupación. A empresa decidiu entón recorrer esta decisión na vía xudicial, pero perdeu os preitos ante os tribunais, que avalaron a actuación do Concello.

En setembro de 2023, a construtora solicitou unha modificación da licenza que lle fora concedida en 2013, para executar o denominado “Modificado nº4”, un proxecto de reforma co que pretendía validar as modificacións substanciais que xa foran executadas. O Concello decretou o arquivo desta solicitude en febreiro de 2024 ao entender que non cabe un modificado sobre unha obra finalizada.

A nova sentenza confirma a legalidade do arquivo, e impónlle á empresa o pago das costas causadas á administración municipal.

Comparte este artigo