HomeOurenseOurense será esta fin de semana a capital do hóckey sala nacional...

Ourense será esta fin de semana a capital do hóckey sala nacional coa disputa do LXXIII Campionato de España

- Anuncio -spot_img

O tenente de alcalde Aníbal Pereira participou na presentación do torneo, que se desenvolverá no anexo do Pavillón dos Remedios, e reunirá 400 persoas na cidade

Participarán os 8 mellores equipos españois, entre eles o ourensán CH Barrocás

A cidade de Ourense reunirá esta fin de semana a elite do hóckey sala nacional coa disputa do Campionato de España, que se desenvolverá no anexo do Pavillón dos Remedios. O salón de plenos acolleu esta mañá a presentación oficial do torneo, que chega á súa edición número 73 como referente dun deporte con gran tradición na cidade.

Desde o venres 6 ata o domingo 8, a competición contará coa participación dos oito mellores equipos a nivel nacional. Entre os aspirantes destaca o Club Hockey Barrocás, que actúa como organizador e anfitrión.

No acto de presentación participaron Aníbal Pereira, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes do Concello de Ourense; Jaime Amorín, presidente do equipo ourensán; Fran Masid, en representación da federación galega; Quique Álvarez da Deputación Provincial de Ourense, e Carlos Bericat, da Xunta de Galicia.

O torneo traerá á cidade arredor de 400 persoas, entre integrantes dos cadros técnicos, deportistas e afeccións. A xornada inaugural comezará o venres ás 11.30 h, mentres que a clausura e entrega de medallas será o domingo ás 13 h.

Grupos e competición

O CH Barrocás está encadrado no Grupo B, xunto ao Club de Campo (Madrid), Complutense (Madrid) e CH Carpesa (Valencia). Pola súa banda, o Grupo A está formado polo Júnior FC (Barcelona), At. Terrassa HC (Terrassa), CD Málaga 91 e Benalmádena 1985 (Málaga).

Horarios do CH Barrocás (Fase de Grupos):

  • Venres, 6 (15.15 h): CH Barrocás – SPV Complutense Madrid.
  • Venres, 6 (20.15 h): CH Barrocás – Real Club de Campo de Madrid.
  • Sábado, 7 (11.45 h): CH Barrocás – CH Carpesa Valencia.

Representación ourensá

O Club Hóckey Barrocás conta na súa historia con numerosas participacións na fase final do Campionato de España (con esta serán xa 13 de forma consecutiva), e logrou a medalla de bronce en tres ocasións durante os últimos anos. Para esta edición, o club presenta un equipo competitivo inmerso nun proceso de substitución xeracional, formado integramente por xogadores ourensáns que agardan acadar un bo resultado ante a súa afección.

O evento está organizado polo club local en colaboración coas federacións española e galega de hóckey. Conta co apoio institucional do Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia, así como co patrocinio privado de Aceites Abril e Formigóns Barbadás.

Publicacións Relacionadas