Redacción

O BNG ADVIRTE DO RISCO DE DESPRENDEMENTO
POLO MAL ESTADO DOS CAMIÑOS DE MAGALÁNS E A
COSTA, EN DORRÓN
Os nacionalistas deron traslado no último Pleno da preocupación existente entre a veciñanza da parroquia pola situación destas vías e instan ao Goberno local a que tome medidas canto antes

A falta de espazo e o deterioro do firme fan que cada vez sexan menos as persoas que se atreven a facer uso destes camiños, polos que tamén transitan vehículos

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo trasladou ao Goberno local do Partido Popular durante a sesión plenaria do pasado luns a necesidade de actuar canto antes nos camiños de Magaláns e A Costa, na parroquia de Dorrón, debido a o mal estado que presentan. A concelleira Estrella Martínez deu a coñecer esta situación a petición de veciños e veciñas da zona, durante a quenda de rogos e preguntas. En concreto, Martínez interpelou ao alcalde para que aclarase que medidas ten previstas tomar o Concello para dar solución a un problema que está a xerar unha importante inseguridade nestas vías.

A día de hoxe, lembran desde o Bloque, o deterioro existente nestes camiños de titularidade municipal é máis que evidente. En diferentes zonas son visibles os desperfectos que presenta a infrasetrutura, nalgúns tramos incluso con risco de que se produza algún tipo de desprendemento. “Isto non é algo que suceda dun día para outro, senón que se debe a unha falta de mantemento que pagan os veciños e veciñas de Dorrón”, lamentan os nacionalistas. Precisamente, a zona volveu quedar afectada tras o paso da cicloxénesis explositva do pasado martes, causando aínda máis danos no firme.

Tanto o Camiño de Magaláns como o da Costa son moi utilizados por persoas residentes para desprazarse a pé. Porén, tamén é habitual que transiten vehículos por esas vías. Debido á falta de espacio e ao mal estado do firme, “estase a producir unha situación de inseguridade viaria que debe ser corrixida canto antes”, apunta o BNG. Ante a pregunta formulada pola compañeira Estrella Martínez, o alcalde, Telmo Martín, asegurou que a mellora destes camiños está contemplada no Plan de Asfaltados anunciado hai unhas semanas polo Concello. “Desde o BNG imos seguir vixiantes para que o señor Martín cumpra co rural e que, neste caso, non quede todo nunha simple promesa, como xa ten pasado con actuacións de gran importancia e necesidade que seguen sen levarse a cabo nas nosas parroquias”, sosteñen os nacionalistas.

Para mellorar a seguridade neste camiños sería necesario tamén ampliar o espazo. Neste sentido, o BNG ten constancia da boa predisposición das persoas residentes nestas zonas para ceder un espazo das súas propiedades. “Non imos aceptar que o señor alcalde se escude en supostos rexeitamentos para demorar unha mellora pola que os veciños e veciñas de Dorrón levan xa moito tempo agardando”, conclúen os nacionalistas.

Comparte este artigo