Domínguez ve en Pasarón unha nova mostra da total falta de xestión e planificación do Goberno Municipal

Redacción

• O presidente local Rafa Domínguez considera unha vergonza e unha tomadura de pelo para o club, a afección e os Pontevedreses o feito de non garantir o inicio das obras ao final desta temporada
• O líder dos populares ve inadmisible que se condene ao club a xogar un ano máis en pésimas condicións

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, amosouse hoxe “estupefacto” ante o anuncio feito hoxe polo Goberno de Lores de que a obra do céspede do campo de fútbol de Pasarón non vai estar lista a final de temporada. Para Domínguez resulta incomprensible escoitar “que non garanten que as obras do céspede se poidan iniciar ao final da temporada. É unha vergonza e unha tomadura de pelo para o club, para a afección e para todos os pontevedreses”, sobre todo despois de que a Deputación de Pontevedra puxese o pasado mes de xuño 174.000 euros a disposición do Concello de Pontevedra para dar unha solución ponte ao céspede do Estadio Municipal de Pasarón e “a Lores non lle serviron” e a pasada semana comprometesen outros 860.000 euros dende a administración provincial.

Calquera afeccionado do Pontevedra CF, o alcalde Lores incluído, sabe do mal estado do terreo de xogo dende fai anos. Non é unha novidade de fai uns meses e só obedece a unha deixadez absoluta do Goberno Municipal de Pontevedra, titular do estadio. “É unha tomadura de pelo para todos os pontevedreses que hoxe nos digan que o campo non vai estar listo” e que se condene unha temporada máis ao club a xogar nunha pésimas condicións, asegura Rafa Domínguez, e en campos alleos que non reúnen os requisitos.

O líder dos populares de Pontevedra indica que “unha vez máis” o Goberno de Lores, neste caso coa complicidade do Partido Socialista, “está amosar unha total falta de xestión e planificación. É lamentable e inadmisible” que o Pontevedra CF teña que pasar esta temporada e a vindeira sen unha solución para o céspede.

Comparte este artigo