O CONCELLO DE NIGRÁN ADICARÁ O MES DA MEMORIA A INOCENCIO ALONSO MISA, VECIÑO DE CAMOS REPUBLICANO QUE PARTÍU AO EXILIO DESDE O CAMPO DE CONCENTRACIÓN DE VERNET (FRANCIA)
O xastre de Camos e tuba da Unión Musical de Coruxo estivo fuxido no monte ata que logrou pasarse ao bando republicano, loitou na columna Durruti, vivíu a ‘retirada’ e o confinamento nun campo de concentración francés, exiliouse a América no ‘Winnipeg’ de Pablo Neruda e só puido regresar a Nigrán tras a morte de Franco
O historiador e antropólogo Xerardo F.Santomé presentará un libro editado polo Concello e froito de case 40 anos de investigación sobre a figura de Inocencio. Paralelamente, o Concello ofrecerá unha charla da asociacion l’Amicale do campo de concentración de Vernet d’Ariège e unha exposición pictórica de 40 debuxos realizados polos seus internos
“Resulta especialmente emocionante para min rescatar do esquecemento a Inocencio, unha persoa cunha biografía impactante que me enorgullece por en valor por todo o que representa”, valora o alcalde, quen o entrevistou como historiador para o seu libro ‘Memoria dunha guerra’
O Concello de Nigrán adicará o seu ‘Mes da Memoria’ a un veciño de Camos practicamente esquecido e cunha vida de película: Inocencio Alonso Misa. El era xastre e tuba da Unión Musical de Coruxo cando estalou a Guerra aos seus 23 anos e a súa participación como apoderado de esquerdas na mesa electoral de San Roque de Camos en febreiro de 1936 condicionou o resto da súa vida. Este feito motivou que os falanxistas o perseguiran desde o primeiro momento, polo que Inocencio de seguido tivo que esconderse nos montes de Coruxo e Camos ata que, desesperado e como como única saída para salvar a vida, decide alistarse cos inxurxentes co obxectivo de desertar na fronte de Zaragoza, onde o 1 de xaneiro de 1937 cruzou baixo as balas ao bando republicano xunto a otros 13 galegos. A partir dese intre, e tras solicitalo expresamente, ingresa na lendaria ‘columna Durruti’ para defender Madrid. Tras a morte deste famoso líder anarquista regresa a loitar en Aragón e, finalmente, perdida a Guerra, como milleiros republicanos protagoniza a retirada a Francia en 1939, onde pasa os peores 6 meses da súa vida no campo de concentración de Vernet d’Ariège ata que en setembro logra exiliarse xunto a otros 2.200 republicanos no barco ‘Winnipeg’ fletado polo entón cónsul en París Pablo Neruda (Premio Nobel de Literatura). Inocencio desembarcou en Chile o 4 de setembro de 1939 en medio dunha festa de recibimento e non pudo regresar a súa terra ata 1982, onde morreu en 2007 (os seus restos reposan xunto aos da súa muller no cemiterio parroquial).
“Resulta especialmente emocionante para min rescatar do esquecemento a Inocencio, unha persoa cunha biografía impactante que me enorgullece por en valor por todo o que representa”, valora o alcalde, Juan Gonzalez, quen entrevistou como historiador a Inocencio para o seu libro ‘Memoria dunha guerra’. Agora, a oportunidade de rescatar a figura do xastre de Camos ven da man de Xerardo F.Santome, antropólogo e historiador vigués que presentará o 28 de novembro nos cines municipais de Nigrán o libro ‘Inocencio Alonso Misa. O xastre de Camos’, editado para a ocasión polo Concello de Nigrán e froito de case 40 anos de investigación e no que incluso se ofrece un enlace de vídeo a unha entrevista a este home xa nos seus últimos meses de vida na residencia do Meixoeiro.
A figura de Inocencio acompañarase na programación municipal do ‘Mes da Memoria’ da recuperación da historia dos campos de concentración franceses no que se confinaron aos españois que no 1939 protagonizaron a ‘Retirada’. Concretamente, o Concello ofrecerá una charla a cargo da asociación ‘l’Amicale’ do campo de concentración de Vernet d’Ariège, lugar onde Inocencio chegou a perder case a totalidade da visión debido á desnutrición. “Póñome nervioso só de lembralo. Había momentos de tanta dureza que esquecíame de que era persoa”, referíu sobre estes días terribles a Juan González para o seu libro. Esta vida inhumana en Vernet será retratada por medio dunha exposición de 40 debuxos realizados polos propios internos e que a asociación l’Amicale facilita para expor en Nigrán desde o día 20 de novembro.
“O Mes da Memoria de Nigrán ten servido para recuperar a figura dos Mestres Jose Vazquez Grela (asasinado) ou Sebastian Pena (sancionado) e para recuperar sucesos terribles como a coñecida como ‘A volta dos nove’. Agora falamos dun veciño que foi como apoderado nunha mesa electoral nuns comicios democráticos e que pagou as consecuencias durante practicamente toda a súa vida”, sinala o rexedor.
“Os ideais non me deron de comer pero si me deron o convencemento de ter loitado no lado do que debería estar. Eu era desertor e se volvía esperábame a pena de norte. Para min non había perdón”, díxolle a Xerardo, mentres que o alcalde ten recollida a súa reflexión de que “ocorreron cousas que agora deberían darnos vergoña”, e sobre este odio incomprensible Inocencio aínda recordaba na súa senectude como uns amigos cos que tiña saído de farra antes da Guerra chegaron despois a apagarlle un cigarro na cara sendo falanxistas.
“A liberdade é como o aire que respiramos, sen liberdade non hai nada”, decía Inocencio. E con este espírito o Concello de Nigrán ten a honra de adicarlle o Mes da Memoria, cuxo programación polo miudo será pendurada a vindeira semana na web municipal.

