Arrancan as obras para dotar de abastecemento, saneamento e novo firme ao Polígono Industrial da Casilla (A Granxa)

Redacción

● O alcalde, Alejandro Lorenzo, supervisou o inicio dos traballos de pavimentación e servizos básicos

As máquinas traballan xa no Polígono Industrial A Casilla (A Granxa) para mellorar o viario da contorna pero tamén para dotar servizo de abastecemento e saneamento nunha zona que non dispuña del ata este momento. De feito estes son os primeiros traballos que se están a acometer “porque queremos seguir fortalecendo o noso tecido industrial”, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo tras revisar xunto co concelleiro de Vias e Obras, Ramón Porto, estes traballos.

Así, o ámbito de actuación da primeira obra de mellora comprende dous viais que se emprazan dentro do Polígono Industrial A Casilla, actualmente con firme en mal estado, e, no caso do vial 2, sen recollida de augas pluviais e cunha rede de abastecemento en mal estado ou inexistente. Por iso a mellora inclúe, ademais da pavimentación, a renovación da condución de abastecemento e de saneamento de pluviais con novos sumidoiros e unha nova conexión coas tubaxes de PVC.
Do mesmo xeito, na marxe de ambos viais proxéctase unha canalización nova para a instalación do alumeado público.
Unha importante obra cun orzamento de 153.842,69 euros cofinanciados dende a Xunta de Galicia, que non só mellorará o viario desta contorna con novo aparcadoiro e zona de circulación peonil, senón que ademais actuará na rede de saneamento, abastecemento e alumeado público.
Do orzamento total do proxecto, a partida máis relevante correspóndese cos traballos de pavimentación e mellora dos firmes, aos que se destinan 59.468,77 euros. A esta cantidade súmanse 15.511,34 euros dedicados ás actuacións previas e demolicións indispensables, así como 15.058,33 euros destinados á renovación da rede de saneamento de augas pluviais.

“Cun investimento que supera os 150.000 euros, damos resposta a unha demanda do empresariado desta área”, apunta Lorenzo, que lembra que esta actuación sumase a levada a cabo nas últimas semanas tamén no Polígono de As Gándaras cun orzamento de 149.976 euros, onde se renovou o firme dos viais, mellorando as condicións de circulación e o acceso ás empresas instaladas nesta área industrial.
Con estas dúas actuacións o Concello do Porriño reforza o seu compromiso co tecido coa mellora e modernización dos seus polígonos industriais, reforzando unhas infraestructuras fundamentais para o tecido comercial do Porriño e para seguir consolidando o municipio como un referente industrial e económico de Galicia.

Comparte este artigo