Amelia Tiganus, recoñecida activista e presidenta da Federación Estatal de Mulleres Abolicionistas (FEMAB) ofrecerá un coloquio no auditorio da Xunqueira. Baixo o título “Xuventude, internet e violencia sexual, quen gaña?” o faladoiro celebrarase o venres, día 15, ás 19.00 horas con entrada libre. Na súa intervención, Tiganus abordará a educación sexual en internet, destacando como identificar e combater a violencia sexual dixital. Así mesmo, reflexionará sobre a mercantilización do corpo de mulleres e nenas na rede, e as súas consecuencias físicas e psicolóxicas. Amelia Tiganus dedicou a súa vida á loita contra a trata e a explotación sexual, tras ser vítima durante cinco anos en prostíbulos de España. O seu traballo foi recoñecido con numerosos premios, e o seu compromiso coa erradicación da explotación sexual foi clave na creación de FEMAB. Este evento, que forma parte da programación do 25N do Concello de Redondela, pretende fomentar a concienciación e o debate sobre a violencia de xénero, especialmente no contexto da era dixital. A charla é unha oportunidade para profundar nos desafíos e solucións na loita contra a violencia sexual, e busca involucrar tanto á mocidade como ás persoas adultas na creación dunha contorna máis segura e equitativa.