A Alameda Carabela Pinta de Baiona acolle a exposición “Rostros” de Abanca e Afundación

Redacción

O Concello de Baiona, Abanca e Afundación presentan a mostra de rúa «Rostros dás coleccións de ABANCA e Afundación». O acto de inauguración tivo lugar este mércores na alameda Carabela Pinta e contou coa asistencia do alcalde, Jesús Vázquez Almuiña; do coordinador institucional da entidade en Pontevedra, José Luis Romero; e da coordinadora da área de Cultura de Afundación, Maria Teresa Cores Fernández.
A mostra poderase visitar en Baiona ata o próximo 26 de xullo.

Fontes da entidade explicaron que esta mostra invita explorar as diferentes interpretacións que os artistas fixeron (e fan) do xénero do retrato, «a mergullarnos nos recordos das xentes que evocan, nas sensacións que transmiten e nas novas fórmulas que se foron introducindo desde finais do século XIX ata os nosos días, ao compás dos movementos artísticos que se van sucedendo».

Todo iso a través dunha selección de obras galegas pertencentes ás Coleccións de Arte Abanca e Afundación de artistas como Sotomayor, Ramón Caamaño, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Segura Torrella, Maruja Mallo, Laxeiro ou Luís Seoane, entre outros.

«Chamamos retrato á imaxe dunha persoa reproducida en pintura, escultura, debuxo ou fotografía, que describe a aparencia e o carácter do individuo representado. Ao longo da historia da arte, o retrato foi un dos xéneros de maior prestixio, cuxo interese radica en que non só se trata dunha representación do individuo, senón que tamén nos fala das diferentes épocas históricas, os seus códigos e os seus signos de identidade. Hoxe en día, as imaxes de rostros enchen as nosas pantallas, desde as redes sociais ata as campañas publicitarias, e reflicten a nosa sociedade globalizada e conectada. Os selfies da era dixital democratizan a arte do autorretrato xogando un importante papel na construción das identidades privados e colectivas», profundaron desde a organización.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de Abanca, «impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade», sinalan as mesmas fontes.

O alcalde de Baiona, sinalou durante a presentación que “Para nós é un pracer acoller esta mostra e estamos abertos a este tipo de propostas culturais”.

Comparte este artigo