A alcaldesa, Digna Rivas, satisfeita coa rectificación de Javier Bas

adminON
Lectura mínima de 4

-O voceiro do PP rectificou as súas acusacións contra Rivas sobre a solicitude dunha subvención logo da denuncia presentada pola alcaldesa por un presunto delito de calumnias. Bas Corugeira declarou ante a xuíza que a súa intención “non era dicir que Rivas elaborase ningún documento falso”.

-O Concello abriu unha investigación interna sobre este expediente da que o PP é coñecedor e que exclúe de calquera responsabilidade a Digna Rivas e ao resto de concelleiros do actual goberno. “Se o PP considera que na tramitación dese expediente houbo algunha ilegalidade, convídoos a denuncialo no xulgado e non seguir difamando a este Concello e aos seus traballadores nos medios de comunicación” sinala Rivas.

-O auto no que se arquiva a denuncia de Rivas contra Bas por calumnias non valora a tramitación do expediente por parte do Concello de Redondela e tan só determina que “prevalece o dereito á liberdade de expresión do líder da oposición sobre o dereito á honra da alcaldesa”. Rivas lamenta que os políticos “teñan maior liberdade de expresión que os cantantes ou outros artistas aos que se lles coarta ese dereito”.

O voceiro do PP rectificou as súas acusacións contra Digna Rivas sobre a solicitude dunha subvención logo da denuncia presentada pola alcaldesa por un presunto delito de calumnias. Bas Corugeira, que acusara á alcaldesa de “firmar e enviar documentación falsa para obter unha subvención”, declarou ante a xuíza que a súa intención “non era dicir que Rivas elaborase ningún documento falso”. A alcaldesa dáse por satisfeita con esta rectificación en sede xudicial, pero lamenta que o voceiro do PP siga mentindo ante os medios de comunicación “vertendo sospeitas infundadas sobre un expediente dos técnicos do Concello que é a miña obriga tramitar, porque de non facelo estaría prevaricando, e o señor Bas debería sabelo”.
Rivas lembra que desde o Concello abriuse unha investigación interna sobre este expediente da que o grupo popular é coñecedor. As conclusión preliminares desta investigación exclúen totalmente de calquera responsabilidade nesa presunta falsificación tanto a Digna Rivas como ao resto dos integrantes do actual goberno. O propio técnico, autor do documento presuntamente alterado, negou ante os responsables da investigación interna que existise falsificación algunha.
En calquera caso, se desde o PP de Redondela seguen a considerar que na tramitación dese expediente houbo algunha ilegalidade, a rexedora local convídaos “a denuncialo no lugar que corresponde, que é o xulgado, e non seguir difamando a este Concello e aos seus traballadores nos medios de comunicación, porque non o merecen”. A alcaldesa lamenta que única preocupación do grupo municipal popular sexa “prexudicar e entorpecer o traballo deste goberno”.
O auto do Xulgado de Redondela do pasado 15 de decembro, no que se arquiva a denuncia de Digna Rivas contra Javier Bas por calumnias, non entra a valorar en ningún momento a tramitación da subvención por parte do Concello de Redondela, tan só determina que prevalece o dereito á liberdade de expresión do líder da oposición sobre o dereito á honra da alcaldesa. Ante esta decisión xudicial a alcaldesa lamenta que “os políticos teñan maior liberdade de expresión que os cantantes ou outros artistas aos que se lles coarta ese dereito”.

Comparte este artigo