A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Rural, Pablo Novas, mantiveron unha reunión coa nova xunta e escoitaron as demandas para a parroquia e a Casa de Cultura
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro de Rural, Pablo Novas, acudiron á Casa de Cultura de Ardán para reunirse coa nova directiva da Asociación Veciñal e Cultural de Ardán Monte Castelo, con María Victoria Chapela Entenza á fronte como presidenta.
Na reunión estivo presente tamén a directiva da comunidade de montes da parroquia, xa que ambas entidades farán un traballo coordinado e común, cada unha desde o seu eido, en prol da parroquia. Esta asociación levaba anos inactiva e a nova directiva ten por obxectivo relanzar a súa actividade e captar novos socios.
Unha das cuestións que se tratou no encontro foron as convocatoria das axudas aasociacións que hai activas neste momento tanto por parte da Deputación de Pontevedra como da Xunta de Galicia e que están destinadas á realización de pequenas obras e á dotación de subministros, que a asociación quere centrar na Casa de Cultura e no entorno de Carballido.
Por outro lado, estudarán a posibilidade de acceder aos cursos e actividades que ofrece a Deputación de Pontevedra a todas as asociacións veciñais, para poder acometer melloras na Casa de Cultura a nivel de mantemento e con novos equipos, para poder impulsar a súa actividade.
Finalmente, abordáronse demandas xenéricas da parroquia en canto a inversións e necesidades máis urxentes. A rexedora desexoulles moito ánimo nesta nova etapa da asociación e deixou a man do Goberno local tendida para todo o que precisen da administración local.



