A Biblioteca de Soutomaior bate o seu récord con 199 préstamos no Día das Bibliotecas

Redacción

A última edición de ‘Dálle a volta á Biblioteca’ foi a máis participativa desde a súa creación en 2024 e rexistrou case o dobre de préstamos que en anos anteriores.

A Biblioteca Municipal Luís Seoane de Soutomaior pechou a edición máis exitosa do programa ‘Dálle a volta á Biblioteca’, tanto pola asistencia de público como polo número de préstamos. O dato máis destacado rexistrouse o pasado 26 de outubro, Día das Bibliotecas, cando se contabilizaron 199 préstamos en só catro horas, case o dobre que en edicións anteriores.

Durante esa xornada, 123 persoas achegáronse ás instalacións municipais e levaron en préstamo libros, revistas e xogos de mesa, entre outros materiais. A cifra supera amplamente os 81 préstamos rexistrados en 2023, antes da posta en marcha do programa, e mellora tamén os datos das dúas edicións anteriores, nas que se chegara ao centenar.

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, destacou a evolución positiva da iniciativa e a resposta da veciñanza. «Cada ano conseguimos chegar un pouco máis lonxe con este programa. E non hai nada máis bonito que converter a Biblioteca nun espazo de referencia ao que se achegan persoas de todas as idades para compartir e gozar da cultura en comunidade», sinalou.

A edición deste ano desenvolveuse entre o 19 e o 30 de outubro e foi a máis completa desde que o programa comezou en 2024. Baixo o lema ‘Fai tribo lectora’, a Biblioteca acolleu actividades gratuítas para todos os públicos, con teatro, música, obradoiros, encontros literarios, maxia, contacontos e monicreques.

A programación arrancou cunha xornada dedicada á escritora Anisia Miranda e á súa vinculación con Soutomaior, que incluíu teatro, música e unha mesa coloquio coa participación de Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas. Nos días seguintes celebráronse un obradoiro de velas literarias, o espectáculo ‘Historias fabulosas coa maxia’ e a actividade familiar ‘Menú lector. Lemos en familia’.

O programa completouse con ‘Barriga Verde no Camiño’, que incluíu un pasarrúas co xigante, un obradoiro de construción de monicreques e unha función de títeres, ademais dun especial de ‘A hora do conto’ que puxo o broche final á programación.

Coincidindo co Día das Bibliotecas, o Concello tamén entregou bolsas de agasallo co lema ‘Fai tribo lectora’ a todas as persoas que realizaron algún préstamo durante a xornada.

O programa ‘Dálle a volta á Biblioteca’ naceu en 2024 para achegar a Biblioteca Municipal a novos públicos e reforzar o seu papel como espazo de encontro e dinamización cultural. Un traballo que vén de recibir o premio María Moliner do Ministerio de Cultura.

Os resultados desta edición confirman a consolidación do proxecto e o incremento do interese da veciñanza pola Biblioteca Municipal Luís Seoane, que continúa a medrar como espazo de lectura, cultura e participación.

Comparte este artigo