A mocidade coñece a historia das mulleres represaliadas coa obra teatral “Melón pelado”

Redacción

– A peza de ButacaZero rescatar a historia de miles de mulleres que foron rapadas e represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Os estudantes participaron de xeito moi activo, compartindo as súas impresións no coloquio posterior á representación teatral.

– A alcaldesa Digna Rivas e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Alfonso Lago, participaron na presentación da actividade que forma parte do programa estatal “50 anos de España en liberdade”.

O Auditorio do Piñeiral acolleu hoxe a representación da obra de teatro ‘Melón Pelado’, unha actividade cultural e educativa dirixida especialmente ao alumnado do IES Chapela. A cita inscríbese dentro da programación de memoria histórica organizada do Concello de Redondela e forma parte do programa estatal ‘Celebración dos 50 anos de España en liberdade’. Trátase dunha iniciativa do Goberno de España para conmemorar o medio século do final da ditadura e achegar a memoria democrática á mocidade galega a través de formatos artísticos.

A actividade contou coa participación da alcaldesa, Digna Rivas, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Alfonso Lago Ferreiro.

A peza, unha creación orixinal da compañía ButacaZero, combina a narración oral, teatro de obxectos e o formato documental para rescatar a historia de miles de mulleres que foron rapadas e represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Tras a posta en escena, celebrouse un coloquio posterior no que o alumnado do IES Chapela manifestou o seu interese tanto pola historia como polo desenvolvemento da propia obra teatral. Os estudantes participaron de xeito activo no espazo de debate, compartindo as súas impresións co elenco, a dramaturga Esther F. Carrodeguas e o director Xavier Castiñeira,

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o compromiso firme de Redondela coa “educación en valores e a xustiza social”, sinalando que achegar este tipo de contidos á mocidade a través da arte é indispensable para que a historia non se repita. Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Alfonso Lago, enmarcou o evento dentro das accións de memoria democrática que buscan dotar o público novo de ferramentas críticas e conectar os valores constitucionais coas aulas.

Comparte este artigo