O Concello destaca a calidade das rutas do terror, a ambientación da finca e a implicación dos colectivos nunha celebración que atraeu público de toda Galicia e de Portugal
O Samaín Briz viviu onte a edición máis multitudinaria da súa historia, cunha asistencia estimada polo Concello de Marín de arredor de 5.000 persoas ao longo da tarde e da noite. A Finca de Briz converteuse nun gran escenario de terror, diversión e creatividade, nunha xornada que o Goberno local considera a máis exitosa das celebradas ata o momento.
Co cambio de data, a apertura das portas adiantouse ás 17.30 horas, unha decisión que tivo unha boa acollida e que permitiu desfrutar da decoración coa luz do solpor. Desde o primeiro momento formáronse colas para acceder ao recinto e participar nas propostas preparadas para a festa.
Unha cita que atrae visitantes e consolida a súa identidade
A celebración reuniu persoas chegadas de distintos puntos da provincia, doutras zonas de Galicia e tamén de Portugal. Entre o público había tanto asistentes que repetían a experiencia como familias e grupos de amizades que se achegaban por primeira vez, atraídos pola repercusión acadada nos últimos anos.
Desde o Concello sublíñase que este balance reforza o Samaín Briz como unha das grandes citas do calendario festivo de Marín e confirma o interese dunha proposta que segue medrando en participación e calidade.
Dúas rutas do terror cun nivel excepcional
As dúas rutas principais volveron ser grandes protagonistas: «A vila embruxada», da asociación cultural e comparsa Os da Caña, e «O último pase», do Club Deportivo La Peña.
Ambos os colectivos ofreceron percorridos cunha posta en escena especialmente traballada, combinando interpretación, ambientación e sorpresas que conseguiron provocar tantos sustos como momentos de diversión. O Concello destaca o salto de calidade destas propostas, que situaron o nivel de terror entre os máis altos de todas as edicións.
A experiencia completouse cun itinerario de entrada e saída pola finca que conectaba as distintas estacións do medo, permitindo descubrir sucesivos escenarios e pequenos túneles temáticos.
As comparsas La Pandilla, As Sonecas, Moreira a Tope e Cor Café, contribuíron a dar vida a este percorrido, con propostas que abrangueron desde o circo e as videntes ata outras ambientacións de terror. A organización e o detalle dos espazos foron dous dos aspectos máis destacados desta edición.
A lagoa e a decoración, protagonistas tamén á luz do solpor
A Fundación Juan XXIII volveu ter un papel esencial na transformación da finca, cunha decoración que fixo da contorna central da lagoa un dos grandes atractivos da xornada.
O adianto da apertura permitiu que o público apreciase mellor os pequenos detalles da ambientación antes da chegada da noite. O Concello valora especialmente esta combinación entre a visita á luz do solpor e a posterior transformación do parque na escuridade, que ampliou as posibilidades de desfrutar do traballo realizado.
PequeSamaín: diversión para os máis pequenos
O PequeSamaín rexistrou tamén unha excelente acollida entre as familias, cunha proposta pensada para os nenos e nenas que preferían unha tarde de xogo e diversión.
Houbo pintacaras, obradoiros, xogos e animación, aos que se sumaron, especialmente na última parte da tarde, música e baile, completando unha programación que permitiu compartir a festa a públicos de distintas idades.
Implicación dos colectivos contratados
O Goberno local agradece o traballo dos colectivos contratados, así como de todas as persoas e profesionais que participaron nas animacións e na preparación da festa.
Trátase dunha iniciativa de organización municipal que ten na implicación dos colectivos locais unha das súas principais características. A colaboración veciñal e cultural, xunto á dimensión de inclusión social que achega a Fundación Juan XXIII, dá identidade a unha celebración que volveu amosar a capacidade de Marín para construír grandes propostas colectivas.

