A Biblioteca Municipal de Nigrán acolle a presentación este venres do libro de Antón Seoane “Cando chegou a noite a finitude do ser e a morte digna”

Redacción

O siquiatra aborda o tránsito cara unha morte anunciada e irremediable tomando como exemplo o caso de Maite, quen foi a súa parella

A Biblioteca Municipal de Nigrán acolle este venres 26 de xuño ás 20:00 horas a presentación do libro ‘Cando chegou a noite. A finitude do ser e a morte digna’ (editorial Laiovento) escrito polo siquiatra e musicólogo fundador do grupo Milladoiro Antón Seoane. No acto intervirán tamén Carlos Méixome (historiador e escritor), Xan Carballa (xornalista e editor), Irene Esperón (Psicóloga clínica.Experta en paliativos e bioética) e Juan González (alcalde e historiador).

Confrontados co irremediábel dunha morte anunciada, e alén da resignación pasiva, hoxe existen numerosos exemplos de que hai outras maneiras de transitar o último alento desde a lucidez e a dignidade, sen dar entrada á dor degradante nin á lenta agonía. A protagonista do relato quixo, por riba de todo, ser coherente coa percepción de finitude que habitaba corpo e mente. Asomada a ese precipicio insondábel, o seu proceder serve, un máis, para todas as persoas que solicitan, serenas e conscientes, ser acompañadas na travesía da derradeira ponte. Dignidade, consciencia e valor en quen o demanda; conciencia humana e responsabilidade médica en quen axuda.

“Maite ensinoume que hai outras maneiras de transitar o último camiño; dende a decisión e a dignidade. Ninguén, hoxe, ten que afrontar os cen metros finais sen axuda e menos con dor ou agonía. Ela, por riba de todo, quería ser coherente coa percepción de finitude que habitaba corpo e mente. Asomada a ese precipicio insondábel, sirva o seu exemplo, un máis, para todos aqueles que solicitan, serenos e lúcidos, que se lles axude a cruzar a derradeira ponte. Dignidade, consciencia e valor en quen o demanda; conciencia humana e moral médica en quen o aplica”, sinala Antón Seoane sobre quen foi a súa compañeira de vida.

Comparte este artigo