A Biblioteca Pública Municipal María Magdalena clausura o club de lectura cun encontro coa escritora María Reimóndez

Redacción

A Biblioteca Pública Municipal María Magdalena de Mos puxo onte o broche final ao curso do seu club de lectura cun encontro moi especial coa escritora María Reimóndez, autora da novela “O club da calceta”, unha das obras escollidas para as lecturas deste ano.

A sesión de clausura permitiu ás persoas participantes compartir impresións coa autora, afondar no proceso de creación da novela e conversar sobre os temas que atravesan unha obra que, vinte anos despois da súa publicación, continúa a suscitar reflexións arredor da igualdade, a identidade, os coidados e as redes de apoio entre mulleres.

A lectura de “O club da calceta” adquiriu ademais un significado especial ao estar vinculada co proxecto “O Club da Calceta”, unha iniciativa promovida pola Biblioteca María Magdalena e a Concellería de Igualdade con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Este proxecto desenvolveuse durante os meses de marzo e abril mediante encontros semanais nos que a calceta se converteu nunha ferramenta para favorecer o diálogo, compartir experiencias e recuperar a memoria colectiva das mulleres do ámbito rural. As sesións completáronse coa lectura de fragmentos da novela de María Reimóndez e doutros textos centrados na igualdade e nas vivencias femininas.

Como continuidade desta iniciativa, o club de lectura dedicou unha das súas sesións á lectura íntegra de “O club da calceta”, permitindo ás persoas participantes preparar o encontro coa autora e profundar nas personaxes e nas cuestións sociais que aborda a obra.

A xornada comezou coa benvida institucional a cargo do concelleiro Leo Costas e coa presentación do proxecto desenvolvido na biblioteca. Posteriormente, iniciouse un diálogo con María Reimóndez no que se abordaron tanto o proceso creativo da novela como as reflexións xurdidas ao longo da lectura compartida.

Desde o Concello de Mos destácase o valor deste tipo de iniciativas, que unen literatura, participación cidadá e igualdade, convertendo a biblioteca nun espazo de encontro onde a cultura serve tamén para fomentar o pensamento crítico, o intercambio de experiencias e a creación de comunidade.

Con esta actividade, a Biblioteca Pública Municipal María Magdalena pecha unha nova edición do seu club de lectura, reafirmando o seu compromiso coa promoción da lectura e coa organización de propostas culturais que achegan á cidadanía a oportunidade de dialogar directamente coas autoras e autores das obras traballadas.

Comparte este artigo