A comisión de seguimento da N-550 mantivo na tarde de onte unha reunión de coordinación para ultimar os detalles da concentración convocada para este venres, 10 de xullo, diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, co obxectivo de reclamar unha resposta ás demandas que o Concello de Mos e os colectivos veciñais veñen trasladando desde hai anos en relación coa situación da estrada nacional ao seu paso polo municipio.
A concentración desenvolverase entre as 11:00 e as 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno. A previsión da organización é desprazar ata Pontevedra tres autobuses con veciños e veciñas de Mos, que partirán ás 10:00 horas desde o Pazo de Mos. As asociacións veciñais integrantes da comisión continúan coordinando as inscricións e a participación na mobilización.
Na reunión, na que participaron representantes das asociacións veciñais Santa Baia, Chan do Bosque, Ledicia de Sanguiñeda e A Cividade, así como os tres grupos políticos con representación municipal (PP, PSOE e BNG), concretáronse os aspectos organizativos da mobilización, que se desenvolverá entre as 11:00 e as 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno. Os participantes desprazaranse en autobús desde o Pazo de Mos, con saída prevista ás 10:00 horas.
A concentración foi convocada tras constatar a falta de resposta formal ás distintas solicitudes de reunión remitidas tanto ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible como á Subdelegación do Goberno, malia os reiterados escritos presentados polo Concello e os acordos alcanzados pola comisión de seguimento.
A través desta mobilización, a comisión reclama que o Estado impulse con carácter urxente as actuacións necesarias para mellorar a seguridade viaria e o estado de conservación da N-550 ao seu paso por Mos. Entre as principais reivindicacións figuran a transformación en travesía urbana dos tramos de Sanguiñeda e de Mos, a remodelación da intersección de Louredo para garantir manobras seguras de acceso aos barrios da contorna, a reparación do firme no tramo de Amieirolongo, a mellora da sinalización horizontal, o acondicionamento de beiravías e beirarrúas, así como a limpeza integral de cunetas, marxes e zonas invadidas pola vexetación.
Os integrantes da comisión reiteran que esta mobilización responde á necesidade de defender a seguridade dos veciños e veciñas de Mos, dos peóns e dos peregrinos que transitan diariamente por esta estrada, e fan un chamamento á participación da cidadanía para reclamar unha infraestrutura máis segura e adaptada ás necesidades actuais do municipio.

