A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade pide un uso “responsable” do servizo de recollida de residuos

adminON
Lectura mínima de 4

– O concelleiro Roberto Villar lembra que non poden botarse nos colectores do lixo residuos como herba, restos de poda ou rozas. Villar advirte que depositar este tipo de restos vexetais nos colectores está prohibido, e as sancións por facelo van desde os 150 ata os 3.000 euros de multa.

– Para os residuos voluminosos, como mobles ou colchóns, existe un servizo de recollida “porta a porta” cun sistema moi sinxelo para os usuarios. Hai que chamar ao teléfono 986 388 111 e se lle informará do día e lugar no que pode depositar estes restos. “Os voluminosos non poden depositarse ata esa data, xa que de facelo antes dificultan os traballos de limpeza, ademais de ofrecer unha mala imaxe nas rúas e espazos públicos”.

A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade fai un chamamento á cidadanía para que faga un uso responsable do servizo de recollida de residuos. O concelleiro Roberto Villar lembra que non poden botarse nos colectores do lixo residuos como herba, restos de poda ou rozas. O edil advirte que nas épocas de poda, ou coincidindo coas vacacións estivais “é habitual que os colectores do lixo aparezan desbordados con estes restos vexetais, o que impide o bo funcionamento do servizo de recollida, e en moitos casos o lixo bota por fóra”. Villar lembra que depositar este tipo de residuos vexetais nos colectores está prohibido, e as sancións por facelo van desde os 150 ata os 3.000 euros de multa. Outro problema co que se atopa o servizo de recollida de residuos é que “non se respectan os horarios para depositar o lixo nos colectores, o que provoca malos cheiros”. O horario establecido é das 21.00 ás 23.00 horas os días de recollida establecidos en cada zona. “Hai xente que deixa durante todo o día as bolsas no colector con restos de comida, peixe ou marisco, e coas altas temperaturas do verán producen moi malos cheiros”, sinala o concelleiro.

Cita previa para a recollida de residuos voluminosos

No caso de restos voluminosos, como mobles ou colchóns, existe un número de atención da empresa Urbaser onde se lle indicará o día e a hora na que pasarán a recoller este tipo de residuos. O servizo funciona “porta a porta” cun sistema moi sinxelo para os usuarios. Tan só é preciso chamar ao teléfono 986 388 111, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e se lle informará do día e lugar no que pode depositar estes residuos. Villar advirte que “os restos voluminosos non poden depositarse ata esa data, xa que de facelo antes dificultan os traballos de limpeza dos operarios ademais de ofrecer unha moi mala imaxe nas rúas e espazos públicos”. O concelleiro explica que “máis do 90% dos voluminosos que tardan días en recollerse son aqueles que se depositan sen cita previa”. Por outra banda, sinala que a empresa Urbaser está a recoller este tipo de residuos tres veces por semana “malia que por contrato o servizo é só un día por semana”.

Vertido en Quintela

A Policía investiga un vertido ilegal en Quintela, onde apareceron restos de aceite, pinturas e aerosois, ademais de numerosa documentación. Xa está aberto un expediente sancionador contra a empresa que presuntamente realizou o vertido.

Comparte este artigo