A Coral do Porriño celebra o seu 30º aniversario: tres décadas de música, historia e futuro

Redacción
  • A Coral chegou a actuar no Vaticano, ante o Papa Juan Pablo II no ano 1998. 
  • Celebrarán este aniversario con toda a cidadanía, cun concerto este sábado día 11 na praza de San Sebastián, onde estarán acompañados da Banda de Música do Porriño, que á súa vez cumpre 10 anos de vida.

A Coral do Porriño está de parabéns. Este ano cúmprense tres décadas desde que en 1996 nacerase un proxecto musical que hoxe en día é un alicerce fundamental da cultura local. O que comezou como unha iniciativa da entón directora da Escola de Música Municipal, Raquel Sestelo, transformouse nunha agrupación consolidada que une a varias xeracións a través do canto.

Un despegue meteórico: de Galicia ao Vaticano

As orixes da coral están ligadas a un grupo de mozos e adultos da escola municipal con sólidos coñecementos de linguaxe musical. Este factor foi clave para o seu rápido crecemento. De feito, tan so dous anos despois da súa fundación, en 1998, a agrupación logrou un dos fitos máis importantes da súa historia: actuar na Basílica de San Pedro, en Roma, ante o Papa Juan Pablo II.

Naquela histórica viaxe, ademais de seren recibidos en audiencia e de interpretar pezas de canto gregoriano co acompañamento dun organista tamén galego, a coral fixo resoar o Himno de Galicia no Vaticano. Xunto ao himno, o repertorio habitual deses primeiros anos —guiado por Raquel Sestelo— incluía sempre composicións de Antonio Paz Valverde, un dos grandes referentes da música coral e fillo predilecto do Porriño, quen foi un fiel seguidor dos concertos da agrupación ata o seu falecemento. Na traxectoria da coral tamén deixou a súa pegada Javier Alonso, quen exerceu como director nunha etapa intermedia.

Presente e relevo xeracional

Na actualidade, a batuta está en mans de Jacobo García, quen cumpre dez anos á fronte da dirección. Baixo a súa guía, a coral conta hoxe con 40 compoñentes que defenden un repertorio polifónico de catro voces mixtas, abarcando desde a música sacra ata a zarzuela, sen esquecer nunca as raíces locais e as homenaxes a Paz Valverde.

“Somos unha gran familia onde convive xente desde os trinta e pico anos ata compoñentes que xa cumpren os 90”, destaca o director, subliñando o carácter interxeracional do grupo.

Ademais, destaca que a coral vive un momento de madurez e expansión, en parte, explica, grazas ao respaldo do Concello. Desde a agrupación salientan que a apertura do novo auditorio suporá un antes e un despois, dinamizando enormemente a actividade cultural do municipio. Agardan con ilusión tamén o vindeiro 14 de maio, cando se celebre o primeiro certame dedicado a Antonio Paz Valverde, onde esperan ter un papel fundamental.

Neste senso, o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, afianza o apoio incondicional do goberno local tanto á coral como á Escola de Música onde deu os seus primeiros pasos. “Apoiamos firmemente este proxecto porque cremos no poder da música como motor social e cultural. A coral é un exemplo perfecto de dinamización interxeracional”, destacando ademais que “este éxito non se entende sen a Escola de Música Municipal, un lugar onde seguen nacendo vocacións e sendo un referente cultural.”

Con actuacións habituais por toda Galicia (como as recentes visitas a Redondela, Mos ou Xinzo de Limia) e frecuentes intercambios co norte de Portugal, a Coral do Porriño celebra estes 30 anos mirando ao futuro con optimismo, orgullo polas súas raíces e moita música por compartir.

Esta gran celebración será con toda a cidadanía, cun concerto este sábado día 11 na praza de San Sebastián, onde estarán acompañados da Banda da Escola de Música do Porriño, que á súa vez cumpre 10 anos de vida.

Así interpretarán por primeira vez un programa conxunto no que os 35 compoñentes da banda tambén poderán celebrar a súa década de vida. Tamén unha agrupación interxeneracional con compoñentes que van dende os 13 aos 80 anos e que se ten creado dende a Escola  para ser, explica o seu director, David Trasoy., “un referente pedagóxico e social”.  A escola conta na actualidade con 1.500 alumnos.

Comparte este artigo